O FMI rebaixa o crecemento da economía española en 2023 a 1,2%

A institución augura unha recesión en Alemaña e Italia.
A directora xerente do FMI, Kristalina Georgieva (Foto: FMI).
photo_camera A directora xerente do FMI, Kristalina Georgieva (Foto: FMI).

O Fondo Monetario Internacional (FMI) rebaixou esta terza feira de forma xeneralizada as súas previsións de crecemento do Produto Interior Bruto (PIB), o que no caso do Estado español traduciuse nun recorte de oito décimas para 2023, até 1,2%, segundo se desprende do informe da entidade Perspectiva Económica Mundial.

Porén, o FMI axustou respecto das súas últimas previsións, publicadas en xuño, que a economía española crecerá 4,3% este ano, tres décimas máis. 

A OCDE tamén advirte da desaceleración española

O índice composto de indicadores líderes (CLI), que serve á Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) de 'termómetro económico' para detectar cambios de tendencia, continúa sinalando unha perda de impulso do crecemento do Estado español, en liña coa deterioración observada na maioría das principais economías.

En concreto, o dato para o Estado español situouse en 97,91 puntos en setembro, fronte aos 98,11 do mes anterior e 3,83 puntos por baixo do nivel rexistrado hai un ano. "Os CLI do Estado español España seguen apuntando a unha perda de impulso do crecemento, como a maioría das grandes economías da OCDE", explicou o ente.

No caso da economía española, as maiores contribucións negativas proveñen unha vez máis da inflación, a confianza das persoas consumidoras e a evolución dos prezos das accións, que só se compensan parcialmente coas expansións observadas na matriculación e fabricación de automóbeis. 

No caso do conxunto da OCDE, os CLI situáronse en 98,56 puntos, fronte aos 98,77 do mes anterior, o que apunta a unha perda do impulso de crecemento, algo que tamén é aplicábel para a zona euro e para os Estados Unidos de América, cuxas lecturas caeron en setembro a 98,32 e 9,48 enteiros, respectivamente.

A pesar deste avultado axuste para 2023, o Estado español mantense á cabeza da grandes economías da eurozona respecto do crecemento do PIB tanto este ano como o próximo.

Así, o crecemento de Italia e Francia en 2022 axustouse dúas décimas á alza, até 3,2% e 2,5%, respectivamente. Pola súa parte, Alemaña crecería este ano  1,5%, tres décimas máis das previsións anteriores.

Os peores datos pódense ver para 2023, cando tanto Alemaña como Italia entrarán en recesión. A primeira contraerase 0,3% no próximo ano, o que supón un recorte de 1,1 puntos nas súas previsións de crecemento respecto dos últimos prognósticos do FMI. A segunda contraerase 0,2%, o que supón un recorte de nove décimas. Do seu lado, Francia rexistrará unha expansión de 0,7% o ano que vén, tres décimas menos.

Desta forma, no conxunto da eurozona rexistraríase un crecemento de 3,1% en 2022, o que supón unha mellora de cinco décimas respecto das previsións de xuño, mentres que as estimacións para 2023 recortáronse en sete décimas, até 0,5%.

Previsións de inflación

O organismo considera que a inflación media do Estado español en 2022 será de 8,8%, fronte á cifra de 5,3% que esperaba en abril. Para 2023, situaríase en 4,9%, en comparación coa cifra de 1,3% que proxectou hai medio ano. Porén, o FMI indica que pese ao menor crecemento e a elevada inflación, o mercado laboral español mostra signos de mellora.

Comentarios