Euskaltel abre unha nova porta á ex conselleira Beatriz Mato

A operadora vasca, propietaria de R, ofrece a Mato un posto no seu consello de administración, que verá reducida a súa composición a 10 integrantes.
A ex conselleira Beatriz Mato (Nós Diario).
photo_camera A ex conselleira Beatriz Mato (Nós Diario).

Á ex conselleira Beatriz Mato comeza a acumulárselle o traballo. Após abandonar a vida política, na que tivo importantes responsabilidades como conselleira de Traballo e Medio Ambiente nos gobernos de Núñez Feixoo, retoma con forza a súa actividade empresarial. 

A súa volta ao sector público oficializouse co seu polémico desembarco na empresa de renovábeis Greenalia, marcado polo escaso tempo transcorrido desde que deixara o seu escano no Hórreo. Chegou cun posto no consello e co cargo de directora de Desenvolvemento Corporativo e Responsabilidade Social Corporativa (RSC). 

Agora é outra firma con intereses na Galiza a que a quere incorporar ao seu consello de administración. Trátase de Euskaltel, o grupo vasco de telecomunicacións que en 2015 adquiriu o operador galego de cable R, e faino precisamente para "reforzar o perfil galego do grupo".

Beatriz Mato (Barakaldo, 1965) xa desempeñara cargos de responsabilidade en empresas antes do seu paso polo Goberno da Xunta. Enxeñeira industrial de formación, a ex conselleira traballou tamén como técnica de sistemas en IBM España (1989-1991), como técnica comercial de servizos informáticos en Rank Xerox (1991-1993) e como enxeñeira de calidade en Norcontrol, actualmente Applus (1993-1995).

Portas xiratorias

A comezos de ano, após perder a loita pola alcaldía da Coruña e abandonar a política, Mato fichaba por Greenalia, unha firma na que tamén está presente outro ex conselleiro, Antonio Couceiro

O seu nomeamento non estivo exento de polémica. Por unha banda, polas decisións adoptadas durante o desempeño do seu cargo como conselleira de Medio Ambiente e que puideron ter beneficiado a firma enerxética e, por outro lado, por unha posíbel vulneración da Lei de Incompatibilidades da Galiza, que estabelece no seu artigo 42 a imposibilidade de dar o salto a unha empresa privada relacionada con expedientes sobre os que ditara resolucións até transcorridos 2 anos de deixar o seu cargo na Xunta, e Mato deixou de ser conselleira de Medio Ambiente o 26 de setembro de 2018, polo que até setembro deste ano non se tería cumprido dito prazo. 

No caso de Euskaltel pode acontecer algo semellante, aínda que os prazos son diferentes, pois o seu nomeamento como conselleira non será oficial até a Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas prevista para o vindeiro 29 de setembro.

Mato, como lembra a propia empresa de telecomunicacións no seu comunicado, ademais de traballar en empresas relacionadas co sector, tamén estivo á fronte do departamento de innovación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) entre os anos 1995 e 2000. Alí acometeu "labores de apoio ás empresas galegas en materias como tecnoloxías da información e servizos de consultoría" e tamén prestou servizos de asesoramento económico-financeiro, internacionalización e apoio ao emprendemento, apunta Euskaltel. 

Os plans de Euskaltel

O nomeamento de Mato como nova conselleira do Grupo Euskaltel foi proposto por unanimidade polo consello de administración, xunto co de Ana García Fau. Ambas integrarán o máximo órgano de decisión da compañía como independentes. 

Como sinala o propio grupo, esta proposta permitirá a Euskaltel "adoptar os modelos máis avanzados na adecuación das normas de bo goberno corporativo", xa que as mulleres pasarán a representar 40% deste órgano de goberno, e tamén pola independencia das mesmas.

O Consello de Administración do Grupo Euskaltel tomou a decisión de propor a incorporación das novas conselleiras, "atendendo ao perfil profesional de ambas as candidatas e a súa dilatada experiencia e coñecementos no sector das telecomunicacións, tanto a nivel local como nacional e internacional", destacan desde a empresa.

Os nomeamentos prodúcense nun momento chave para o grupo vasco de telecomunicacións no que se integra a galega R. Recentemente, Euskaltel aprobou un plan estratéxico a cinco anos que ten entre os seus principais obxectivos a expansión ao mercado español da man de Virgin.

Para Euskaltel, tanto Mato como García Fau contan co perfil axeitado para esta nova fase na evolución da compañía, cuxa estratexia pasa por "fortalecer o arraigo das marcas tradicionais nos seus mercados naturais" e abrirse ao mercado español para reforzar o liderado da compañía na transición dixital.

Comentarios