domingo 16.02.2020

Un ex conselleiro de Industria en Greenalia

A popular Beatriz Mato non é a primeira ex conselleira en fichar por Greenalia, a enerxética cotizada no mercado. Antonio Couceiro, quen ocupou diversos cargos nos 90 antes de ser conselleiro de Industria e Comercio con Fraga, forma parte do seu Consello de Administración e é accionista da empresa. Entre outros cargos, Couceiro comparte a Comisión de Goberno de Nova Pescanova coa ex ministra socialista Elena Salgado.   
Antonio Couceiro Méndez, no medio, xunto o director do Igape, Juan Cividanes, a dereita e Ana Carral,  xefa de Promoción Económica na Dirección xeral de Industria de PEMES (Imaxe: Xunta da Galiza).
Antonio Couceiro Méndez, no medio, xunto o director do Igape, Juan Cividanes, a dereita e Ana Carral, xefa de Promoción Económica na Dirección xeral de Industria de PEMES (Imaxe: Xunta da Galiza).

Aex conselleira de Medio Ambiente, candidata local polo Partido Popular na Coruña nas pasadas eleccións de abril, Beatriz Mato, non é a primeira política en ingresar na cotizada Greenalia. O coruñés Antonio Couceiro Méndez, home forte do partido na década dos 90 e ex conselleiro de Industria e Comercio no Goberno de Fraga, tomou asento no Consello de Administración da compañía en 2017.

Daquela Greenalia daba o paso para constituírse en sociedade anónima. Até entón a administradora única da compañía era Noroeste Inversión y Desarrollo, unha sociedade limitada  especializada no sector forestal e enerxético. A súa xestión deu paso a un consello no que tomou asento Couceiro.

Da Consellaría  a Portos

Couceiro Méndez acumula ás súas costas unha longa traxectoria no sector público e no privado. Este licenciado en Enxeñería de Camiños, Canles e Portos pola Universidade Politécnica de Madrid, con diversos diplomas en xestión de empresas e economía, formou parte do Goberno de Fraga durante a cuarta lexislatura, como conselleiro de Economía e Industria desde 1994. Previamente, Couceiro traballara como director xeral do Instituto Galego da Vivenda entre 1990 e 1993 e de Formación e Emprego entre 1993 e 1994.

Nas eleccións de 1997 formou parte das listas do PP, ocupando o segundo posto nas da circunscrición electoral da Coruña, detrás de Fraga Iribarne. As populares revalidaron a maioría absoluta e Couceiro combinou a carteira de Economía e Industria cos seus labores como deputado até 1999, cando cursou a súa baixa. Abandonou a primeira liña política, mais pasou a presidir a rama coruñesa do Partido Popular un ano despois.

Tras a súa marcha da Cámara galega, Couceiro foi presidente da Autoridade Portuaria da Coruña até 2002, o seu último posto na Administración pública. Un anuncio do BOE no mes de decembro informou da decisión tomada polo conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, José Cuiña, e desligou a destitución do accidente do Prestige, aclarando que fora previa ao sinistro.

Daquela tamén renunciou a renovar a súa candidatura a presidir o PP da Coruña, tras unha crise no seo do partido na que o presidente da Deputación da Coruña, José Luis Torres Colomer, incidiu en que Couceiro perdera “peso e representación” política. 

Accións en Greenalia

Couceiro foi durante anos o máximo responsábel de Bebidas Gasosas do Noroeste, hoxe planta de embotellado de Coca-Cola Iberian Partners S.A. En 2016 ocupa unha butaca do consello de Administración de Nova Pescanova, na que dirixe a Comisión de Goberno e Responsabilidade Corporativa con outra ex política galega, Elena Salgado, quen ocupou o posto ministra de Economía e Empresa durante o mandato de Jose Luis Rodríguez Zapatero. 

O ex responsábel de Industria tamén posúe un asento no órgano de goberno do Instituto Tecnolóxico de Galiza, preside a Cámara de Comercio da Coruña e é conselleiro de Dairylac, unha unión de cooperativas do sector lácteo. Esta última, con sede en Melide, foi impulsada pola Xunta da Galiza en 2016 coa súa participación a través da súa Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Pechado, Xesgalicia. A Xunta achegou preto dun millón de euros no inicio do proxecto.

No seu camiño no eido privado Couceiro fundou a consultora Norcorporate en 2014. En 2016 a consultora ocupou a presidencia da Comisión de Riscos de Afianzamentos da Galiza (Afigal), a sociedade de garantía recíproca cuxa secretaría ocupa o Instituto Galego de Promoción Económica da Xunta da Galiza.

En 2018 Norcorporate converteuse tamén en accionista de Greenalia. A consultora xa formaba parte do máximo órgano de goberno da compañía, representada por Couceiro, desde pouco antes da súa saída en bolsa. As accións adquiridas pola consultora posuían un valor aproximado de mercado de 30.000 euros, o equivalente daquela o 0,028% da sociedade.

Críticas do ecoloxismo

O 16 de abril de 2018 o director financeiro de Greenalia S.A. informou de que o Banco Europeo de Investimentos (BEI) sancionaba de forma positiva a aprobación dun préstamo por un importe de até 60 millóns de euros para o proxecto da planta de biomasa de Curtis-Teixeiro.

A operación foi denunciada perante o Tribunal Europeo pola ONG británica Clean Earth en xaneiro de 2019. As avogadas da organización afirmaron que o proxecto da planta non cumpría cos estándares do BEI e cualificaba de "ineficiente" o proxecto. Greenalia informou na súa proposta de que a planta consumirá arredor de 500.000 toneladas dos residuos forestais anuais.

A axuda foi criticada por colectivos ecoloxistas como Adega ou Petón do Lobo. Adega xa denunciara previamente que o proxecto de Greenalia foi presentado dous meses despois de que a Xunta modificase a norma que rexe estas plantas en 2016. 

comentarios