Galiza suma Beatriz Mato á lista das portas xiratorias

A ex conselleira Beatriz Mato, futura responsábel de desenvolvemento corporativo e RSC de Greenalia, súmase á lista de galegas con presencia no ámbito privado após o seu paso pola política.
Beatriz Mato nunha imaxe no Invernadoiro durante a súa etapa de conselleira de Medio Ambiente (Xunta)
photo_camera Beatriz Mato nunha imaxe no parque do Invernadoiro durante a súa etapa de conselleira de Medio Ambiente (Xunta)

Beatriz Mato é a última política galega en pasar por unha porta xiratoria, pero o seu desembarco na firma de renovábeis Greenalia non ven exento de polémica. A ex conselleira de Medio Ambiente, concelleira na Coruña e candidata a alcaldesa nesa cidade nas pasadas municipais estivo detrás dunha serie de decisións que puideron ter favorecido á compañía presidida por Manuel García, e sen as que a súa planta de biomasa en Curtis non sería hoxe unha realidade. 

A primeira desas cuestionadas modificacións foi a variación nos límites para a instalación de plantas de biomasa na Galiza que incorporou na Lei de Acompañamento dos Orzamentos en decembro de 2016, que pasaban de ser de 10 megavatios (MW) a 50 megavatios. Tamén eliminaba o tope máximo de 80 megavatios de xeración a partir de biomasa para toda Galiza recollido no Decreto 149/2008 aprobado polo bipartito. Uns meses despois, en marzo de 2017, Greenalia pediu autorización para levantar no concello de Curtis unha planta de 49,913 megavatios.

Ese non foi o único movemento a prol dos intereses de Greenalia. En xullo dese mesmo ano, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, dependente do seu departamento, aprobou o informe de impacto ambiental, e hai xusto agora dous anos, en febreiro de 2018, a conselleira outorgoulle autorización ambiental para a planta, rexeitando as alegacións da Federación Ecoloxista Galega, que criticaba que se autorizase o proxecto sen ter analizada a dispoñibilidade e garantía de subministro das instalacións.

Na súa nova etapa en Greenalia, Mato estará á fronte do departamento de desenvolvemento corporativo e RSC. Tamén será a encargada de poñer en marcha a Fundación Greenalia, unha entidade coa que a firma de renovábeis prevé devolver á sociedade galega parte dos beneficios obtidos coa súa actividade no país e que a propia compañía define como una ferramenta transparente para impulsar a transición enerxética, a inclusión e a igualdade. 

Posíbel incompatibilidade

Pero a transparencia pódelles xogar unha mala pasada. A Lei de Incompatibilidades da Galiza estabelece no seu artigo 42 que non pode dar o salto a unha empresa privada relacionadas con expedientes sobre os que ditaran resolucións até transcorridos 2 anos de deixar o seu cargo na Xunta, e Mato deixou de ser conselleira de Medio Ambiente o 26 de setembro de 2018, polo que até setembro deste ano non se tería cumprido dito prazo. Podería agardar até entón para asinar o seu contrato, pero a empresa xa confirmou que será ela quen lidere a creación da fundación e que esta podería estar operativa xa no primeiro semestre de 2020.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios