O PSdeG saúda o diálogo "frutífero" entre Stellantis e o Executivo do Estado español

A CUT demanda que os beneficios de Stellantis revertan sobre o cadro de persoal.
Planta de Stellantis en Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Planta de Stellantis, en Vigo (Foto: Europa Press)

O PSdeG mostrouse "satisfeito" co diálogo "frutífero" que mantén o Goberno estatal co grupo Stellantis para "apostar de forma decidida polo futuro da automoción" e pola concepción dun novo "marco de apoio a unha industria estratéxica para Vigo e a Galiza".

Así o manifestou o secretario de Política Industrial e Transición Enerxética do PSdeG, Ángel Mato, que aplaudiu o "achegamento de posturas" entre as dúas partes para tratar novas liñas de apoio ao sector da automoción, "e máis concretamente ao grupo Stellantis, incluso fóra do marco temporal previsto inicialmente nos proxectos estratéxicos previstos polos fondos Next Generation".

"A imposibilidade de Stellantis de cumprir cos prazos previstos nos Perte e facer os investimentos precisos non debe ser un impedimento para acceder ás axudas, aínda que sexan doutra natureza", apuntou Mato, que destacou ademais que estes foron os termos da demanda trasladada polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, ao presidente do Executivo do Estado español, Pedro Sánchez.

O responsábel socialista de Política Industrial indicou ademais que a planta de Stellantis de Vigo "ten unha importancia capital non só para o tecido industrial galego, senón tamén para o conxunto de Estado español".

A CUT demanda que os beneficios de Stellantis revertan sobre o cadro de persoal

Ao respecto da información dos resultados publicados polo grupo Stellantis "onde se incrementaron un 34% chegando aos case 8.000 millóns de euros", a CUT Citroen manifesta que "eses beneficios deben reverter para mellorar as condicións sociais, económicas e laborais das persoas traballadoras".

Desde a central sindical defenden que "o sistema de traballo que se desenvolve na fabrica de Vigo é un modelo que ten unhas cargas de traballo abusivas, xerador de enfermidades profesionais como os trastornos musculoesqueléticos derivados dos traballos repetitivos".

A CUT defende ademais que a factoría viguesa é "unha das máis penalizadas do grupo en canto as paradas produtivas", e que polo tanto, "as persoas traballadoras son as grandes sufridoras do incremento do custe da
vida". Porén, explican, "o grupo incrementa notabelmente os seus beneficios".

Por estes motivos, desde este sindicato demandan "que eses beneficios deben servir para mellorar as condicións das persoas traballadoras, na mellora da ergonomía e da saúde, das instalacións e da economía das persoas traballadoras".

Comentarios