Os proxectos estratéxicos da Xunta para os fondos Next Generation, no ar

A Xunta presentou 354 proxectos empresariais valorados en 19.698 millóns de euros para optar aos fondos procedentes do programa Next Generation. Practicamente 15 meses despois da formalización da proposta, aquelas iniciativas industriais consideradas estratéxicas continúan no ar.
Alberto Núñez Feixoo, nun acto de presentación da candidatura galega aos fondos Next Generation, en marzo de 2021 (Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, nun acto de presentación da candidatura galega aos fondos Next Generation, en marzo de 2021 (Europa Press).

As dúbidas pairan sobre a fábrica de rodas que a multinacional chinesa Sentury Tire anunciou para As Pontes en xaneiro de 2022. O proxecto, declarado estratéxico polo Consello da Xunta en outubro do pasado ano, recollía a construción dunha factoría de produción de pneumáticos nas proximidades da lagoa das Pontes, mediante un investimento de arredor de 550 millóns de euros. De realizarse, o proxecto daría emprego, segundo os promotores, a perto de 750 persoas.

As malas novas para esta iniciativa chegaron nesta mesma semana, tras coñecerse que o grupo proxectaba unha factoría con idénticas características e destinada ao mesmo mercado que a galega en Marrocos. A saída da compañía neses mesmos días do director xeral de Sentury Tire e impulsor da proposta das Pontes, Warren Rudman, introduce novas interrogantes nun proxecto que a Xunta consideraba o máis avanzado de todos aqueles que optaban aos fondos Next Generation. 

A situación da fábrica de viscosa do grupo Altri en Palas Rei é aínda máis complicada. O proxecto, presentado pola Xunta da Galiza aos fondos Next Generation, malia ser coñecedor o Goberno galego das dificultades de financiamento a cargo deste programa, non ten encaixe en ningún dos Perte aprobados polo Estado, o que dificulta o seu acceso a axudas públicas.

Altri ten sinalado de maneira reiterada que sen subvencións públicas non se instalaría na Galiza. Neste sentido, o director executivo da compañía, José Soares, reclamou 250 millóns de euros de fondos estatais a cargo das axudas Next Generation, isto é aproximadamente 30% do investimento de 800 millóns de euros previstos para a súa fábrica de Palas de Rei, para seguir adiante cun proxecto declarado estratéxico polo Goberno galego no derradeiro Consello da Xunta do ano 2022.

O proxecto da factoría de viscosa, na axenda do Goberno galego desde a segunda metade do ano 2020, pode rematar por converterse no caso Pemex do Executivo de Alfonso Rueda. O desánimo apoderouse dos responsábeis da área económica da Xunta e dos rexedores do PP da comarca da Ulloa, que cada día ven máis complicada a súa viabilidade. 

Non se atopa nunha mellor situación a fábrica de ánodos de grafito para baterías de coches eléctricos anunciada pola multinacional xaponesa Showa Denko para A Coruña. Neste sentido, as fontes consultadas por Nós Diario apuntan que a compañía estaría estudando desistir do proxecto, dado o seu difícil encaixe dentro do programa Next Generation. 

A planta de hidróxeno impulsada nas Pontes por Reganosa e EDP é o único gran proxecto estratéxico avalado pola Xunta encarreirado na actualidade. A isto ten contribuído o Estado ao outorgarlle 24 millóns de euros de subvencións públicas procedentes do Perte das enerxías renovábeis e do hidróxeno. Porén, fica por diante conseguir a autorización para os parques eólicos que forneceran de electricidade a instalación. 

A candidatura galega para o programa Next Generation está formada por 354 proxectos, cun investimento total de 19.698 millóns de euros. A proposta recolle 107 iniciativas impulsadas desde os operadores privados e 247 promovidas desde a Xunta da Galiza. A maiores dos proxectos integrados dentro do programa avalado polo Goberno galego, atópanse toda unha serie de actuacións propostas polas grandes compañías do Ibex para desenvolver na Galiza e que foron presentadas directamente ao Executivo estatal.

O proxecto do grupo Maersk e Pedro Sánchez

Unha das iniciativas máis emblemáticas a desenvolver está promovida pola multinacional danesa Maersk, a primeira navieira do mundo, que propón erguer unha factoría de biometanol na contorna do porto de Langosteira, na Coruña, para servir combustíbel á súa frota. A proposta, que recolle unha actuación análoga en Andalucía, condiciona a súa execución a recibir axudas públicas por máis de 3.000 millóns de euros, para un investimento total de 9.500 millóns. 

Neste caso, a iniciativa conta co apoio directo de Pedro Sánchez, que participou na súa presentación en novembro de 2022.

O papel da Xunta e a centralización

A gran maioría dos proxectos galegos ao programa Next Generation ficarán sen axudas, algo que se debe, por unha parte, á estratexia fixada e impulsada pola Xunta da Galiza e tamén á concepción e xestión centralizada das axudas, que non ten en conta a diversidade do Estado. 

Comentarios