Pontón propón un plan transversal de goberno para a economía social e descentralizar os 'Next Generation'

A portavoz nacional do BNG criticou novamente a xestión dos fondos 'Next Generation' e volveu demandar a súa "descentralización".
Ana Pontón, durante a súa visita a Cogami. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, durante a súa visita a Cogami. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, mantivo no día de hoxe un encontro coa dirección de Cogami, encabezada polo presidente Anxo Queiruga, na que aproveitou para pór en valor o traballo desta entidade e das súas empresas no ámbito da economía social, facilitando a integración laboral e social das persoas con diversidade funcional.

"O seu traballo é importante para darlle dereitos laborais ás persoas con discapacidade contribuíndo tamén a construír unha sociedade e unha Galiza máis xusta, demostrando a capacidade, a viabilidade e o bo facer das empresas deste sector", destacou a líder do BNG durante o encontro e posterior visita a dúas das empresas referentes da economía social promovidas por Cogami, Coregal e Trameve.

"Ofrecen servizos de calidade e rompen con moitas barreiras demostrando o seu potencial económico e de integración", destacou a portavoz nacionalista.

Segundo explicou, a "economía social" xera na Galiza máis de 25.000 empregos e representa un modelo "polo que hai que apostar nun mundo que avanza cara a unha sociedade na que aumenta a desigualdade". 

"Mentres, a economía social ofrécenos a alternativa contraria, con empresas comprometidas, que reinvisten no país e que, querendo ter beneficios, non é o seu principal obxectivo, senón que apostan pola igualdade, pola conciliación, pola integración e por un modelo máis xusto", engadiu.

Plan transversal de goberno

A líder do BNG trasladou o apoio da formación a Cogami e propuxo que a economía social forme parte dun plan transversal de goberno.

"Iso é o que lle pedimos ao Goberno da Xunta, un plan transversal para a economía social onde se impliquen todas as consellerías para empuxar o desenvolvemento das empresas de economía social e, nesa dirección, que conten con apoio para chegar ó medio rural e a concellos fora das cidades", manifestou.

Outra medida de apoio que proporá é a reserva de contratos na administración pública para as empresas deste sector, aproveitar novas oportunidades como a que ofrece a Lei de xestión de residuos estatal que establece unha reserva de 50% para as empresas de economía social na xestión de residuos téxtil e voluminosos, cuestión que debe trasladarse tamén aquí. "A economía social é un ámbito de futuro", concluíu.

Descentralización dos Next Generation

Por outra parte, Pontón mostrou "preocupación" pola xestión e distribución que se está levando a cabo cos fondos Next Generation, unha preocupación xeral sobre a que lamentou que non se buscasen "alianzas" no Estado para a "descentralización" da xestión.

En declaracións aos medios, lamentou que "ese deseño centralizador é compartido tanto polo PP como polo PSOE, a pesar de ser prexudicial" para a Galiza.

A líder nacionalista, coñecedora da reunión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coa vicepresidenta económica do Goberno, Nadia Calviño, manifestou tamén a súa preocupación porque "non se coñece ningún proxecto importante para a Galiza", algo que lle trasladou ao xefe do Executivo autonómico.

Así mesmo, a dirixente nacionalista apuntou que non se está seguindo "unha estratexia intelixente" e lamentou a "opacidade". Fronte a iso, o Bloque segue a propor a "descentralización" e que eses fondos se fagan chegar á pequena e media empresa, porque, pola contra, será unha "nova oportunidade perdida" como na "crise de 2009".

Comentarios