O Goberno español prevé pedir o terceiro pago dos fondos Next Generation antes do 11 de novembro

Calviño defende a xestión "transparente" das axudas da Unión Europea.

A vicepresidenta primeira do Goberno español, Nadia Calviño (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta primeira do Goberno español, Nadia Calviño (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).

A vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra de Asuntos Económicos e para a Transformación Dixital, Nadia Calviño, anunciou esta segunda feira que o Executivo estatal solicitará á Comisión Europea o terceiro desembolso dos fondos europeos 'Next Generation EU' antes do próximo 11 de novembro.

"O ano pasado enviamos a solicitude o 11 de novembro e farémolo antes desa data", respondeu Calviño ao ser preguntada por cando pedirá o Estado español a Bruxelas o terceiro pago dos fondos de reconstrución da Unión Europea.

Calviño asegurou que o Estado español está en contacto coa Comisión de maneira constante e negou unha vez máis a información que se publicou hai uns días nalgúns medios de que Bruxelas tería ameazado con non entregarlle máis fondos por falta de transparencia na xestión dos mesmos.

A vicepresidenta primeira subliñou respecto diso que "hai moita xente que non entendeu" que estes fondos teñen mecanismos de seguimento distintos aos fondos estruturais, por exemplo, a través do cumprimento das reformas comprometidas, e insistiu en que o Goberno español puxo "grande énfase" na transparencia.

"Eu comparezo cada trimestre, fago presentacións, temos todo tipo de informes na páxina web e estamos en constante contacto coas comunidades autónomas", afirmou.

"Son uns fondos europeos que funcionan de maneira distinta aos do pasado e requiren moita máis responsabilidade e axilidade das Administracións públicas. Temos un ritmo moi bo, somos os que imos máis adiantados, e temos que seguir así", apuntou Calviño.

A ministra abre a porta a unha bonificación dos combustíbeis focalizada

Ademais, Calviño abriu esta segunda feira a porta a que a bonificación ao combustíbel, vixente até o 31 de decembro deste ano para toda a poboación, se acoute para determinados sectores e colectivos afectados no caso de que se decida prorrogar esta medida durante máis tempo. 

Comentarios