Endesa avalía volver activar a central térmica das Pontes

Así llo transmitiron a representantes sindicais. Estúdase esta opción pola operadora ante un escenario de meses de necesidade de enerxía e aumento de prezos.
Torres de refrixeración da central térmica das Pontes cun parque eólico ao fondo (Foto: Endesa).
photo_camera Torres de refrixeración da central térmica das Pontes cun parque eólico ao fondo (Foto: Endesa).

A central térmica das Pontes podería volver a funcionar, unha posibilidade que está sobre a mesa, segundo sinalan fontes sindicais, que indican que así se lles transmitiu. As previsións non que este inverno o prezo da electricidade pode seguir a subir e que o mercado do gas pode continuar a 'dar sustos'. De aí, indican, que se estea a barallar pola operadora a opción de volver a poñer a funcionar a térmica.

Cómpre lembrar que a central térmica de carbón das Pontes funcionaba desde o 1 de xullo, en situación de dispoñibilidade para o sistema eléctrico, o que supón que non se desconectará da rede, mais só chegará a funcionar no caso de que o xestor da rede ─Red Eléctrica─ así o requira.

E parece que ese paso pode chegar en breve, pois é unha opción que está a ser estudada e valorada.

A central térmica de carbón das Pontes funcionaba desde o 1 de xullo, en situación de dispoñibilidade para o sistema eléctrico

Para este novo escenario de "dispoñibilidade", Endesa só conta cun dos seus catro ciclos operativos. Isto tradúcese nunha importante redución de persoal, tanto na principal como nas auxiliares.

Segundo fontes da empresa informaban a Nós Diario daquela, na térmica quedarán unhas 35 persoas, ás que se suman aproximadamente unhas corenta das auxiliares, segundo fontes sindicais, que se encargan do mantemento dos equipos, da seguridade, da limpeza das instalacións e do parque de carbón, onde quedan 50.000 toneladas de mineral. 

Endesa comunicou hai uns meses a súa intención de fechar a central térmica das Pontes. A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) propuxo en maio a Endesa salvar un dos grupos de xeración da central de Litoral (Almería) e reconvertelo nun compensador síncrono, o que permitiría mitigar o impacto na subministración á rede da crecente achega dos sistemas de produción a partir de fontes renovábeis. Abría así unha porta alternativa para conservar unha parte da central térmica das Pontes.

Esta medida permitiría aproveitar parte das instalacións actuais e os puntos de conexión á rede, un dos principais activos da térmica.

Comentarios