A térmica das Pontes queda desde hoxe e até o feche con menos de cen operarios

A empresa, que nos seus mellores tempos chegou a empregar máis de 600 persoas, queda só cun dos seus grupos activos e reduce drásticamente as necesidades de persoal
Centos percorren As Pontes para demandar unha solución para o emprego na comarca (Foto: Europa Press).
photo_camera Centos percorreron este 30 de xuño As Pontes para demandar unha solución para o emprego na comarca (Foto: Europa Press)

A central térmica de carbón das Pontes funciona desde hoxe, 1 de xullo, en situación de dispoñibilidade para o sistema eléctrico, o que supón que non se desconectará da rede, mais só chegará a funcionar no caso de que o xestor da rede ─Red Eléctrica─ así o requira. 

Para este novo escenario, Endesa só conta cun dos seus catro grupos operativos. Isto tradúcese nunha importante redución de persoal, tanto na principal como nas auxiliares. Segundo fontes da empresa, na térmica quedarán unhas 35 persoas, ás que se suman aproximadamente unhas corenta das auxiliares, segundo fontes sindicais, que se encargan do mantemento dos equipos, da seguridade, da limpeza das instalacións e do parque de carbón, onde quedan 50.000 toneladas de mineral. 

O 70% das perto de 150 persoas que estaban a traballar até o de agora na central fican desde hoxe nun limbo. A eléctrica chegara con eles a un acordo para prorrogar a súa actividade, ben con cursos de formación para preparalas para os labores de derrubo da central, ou con traballos previos a estes labores, pero para iso era preciso contar coa autorización de feche a día 1 de xullo, como teñen o resto de térmicas do Estado español en proceso de desmantelamento.

Neste caso, as alegacións presentadas pola Xunta e o Concello das Pontes, entre outros, á devandita autorización, provocaron un alongamento dos prazos administrativos que imposibilita Endesa fixar unha data para o feche definitivo que, segundo fontes do sector, podería autorizarse no mellor dos casos a principios de 2022.

Anuncio de traslados

Os sindicatos, que xa a pasada semana levaron a cabo mobilizacións para exixir solucións aos Gobernos galego e estatal, amosan a súa preocupación pola situación na que quedan máis dun cento de traballadores e traballadoras das Pontes.

Algunhas das contratas, como é o caso da principal, Maessa, xa están levando a cabo recortes de persoal ou, neste caso concreto, anuncios de traslado a outros centros da compañía en Francia e Avilés, unha decisión que para os sindicatos "non ten moito sentido" cando aínda non está marcada a data definitiva de feche da central pontesa.

Endesa xa comunicou a Maessa que só precisará 20 persoas para as tarefas de mantemento mecánico e eléctrico que até o de agora viñan realizando un total de 62 traballadores e traballadoras. 

Ante esta situación, os sindicatos non desbotan novas mobilizacións, que se sumarán á manifestación celebrada na cuarta feira, 20 de xuño, nas Pontes para esixir solucións de futuro para a poboación das Pontes e das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, afectadas por unha severa crise industrial.

Mesa de Transición 

Por outra banda, mañá está prevista unha nova xuntanza da Mesa de Transición Xusta das Pontes na que os sindicatos agardan que se presente algunha proposta concreta á marxe da defendida pola Xunta para a queima de biocombustíbeis, que carece de viabilidade económica sen unhas primas que o Goberno español non está en disposición de concederlle. En troques, o Executivo español exíxelle a Xunta que asine dunha vez os convenios de transición xusta.

Comentarios