Competencia abre unha porta alternativa para conservar unha parte da central térmica das Pontes

A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) propón a Endesa salvar un dos grupos de xeración da central de Litoral (Almería) e reconvertelo nun compensador síncrono, o que permitiría mitigar o impacto na subministración á rede da crecente achega dos sistemas de produción a partir de fontes renovábeis.
Torres de refrixeración da central térmica das Pontes cun parque eólico ao fondo (Foto: Endesa).
photo_camera Torres de refrixeración da central térmica das Pontes cun parque eólico ao fondo (Foto: Endesa).

Endesa comunicou hai uns meses a súa intención de fechar a central térmica das Pontes. A decisión, baseada fundamentalmente en criterios económicos, supuxo un duro golpe para unha comarca deprimida industrialmente, marcada polo fechamento de industrias como Siemens-Gamesa ou a caída de produción no estaleiro público Navantia

O fechamento da central afectou tamén ás auxiliares. Así, os transportistas, que exixían manter a actividade da térmica, ben con carbón ben con biocombustíbeis, fixeron unha folga que levantaron o pasado mes de marzo após chegaren a un acordo coa eléctrica. 

Así as cousas, todo parece estar encamiñado á desaparición da térmica. Nesa liña, Endesa tamén anunciou que as instalacións do porto exterior de Ferrol, onde descargaban o carbón que alimentaba a central, se van reconverter nunha plataforma loxística na que a propia firma enerxética actuará como operador, movendo tanto graneis sólidos como mercadoría xeral.

No que atinxe á propia central, desbotada a opción dos biocombustíbeis, o emprego nos terreos das pontes quedará ligado ao ciclo combinado de gas natural, aos labores de desmantelamento da térmica e aos novos proxectos, como a planta de hidróxeno verde que proxecta a compañía presidida por José Bogas. Porén, son moitas as voces que piden que non haxa movementos de persoal até que estean fechadas as alternativas industriais.

Informe de Competencia

Mais a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) marca un posíbel camiño alternativo ao fechamento definitivo das instalacións. Nun informe datado o pasado mes de marzo e adiantado por La Información, o regulador recomenda Endesa manter parcialmente operativa a súa central de Litoral, en Carboneras (Andalucía) para garantir a subministración eléctrica ante o boom das renovábeis que, como advirte, debilita o control sobre a rede e eleva a "inestabilidade".

Na súa resposta á proposta de resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Transición Ecolóxica sobre a solicitude de fechamento da central, á que tivo acceso Nós Diario, o organismo que dirixe Cani Fernández propón "reformular" dita resolución para incluír nos plans de Endesa a conversión dun dos seus grupos de xeración ─a de Litoral ten dous, fronte aos catro das Pontes─ nun compensador síncrono, un sistema que emprega o alternador e o transformador de saída á rede da térmica para controlar a tensión dos nós eléctricos próximos, ofrecendo capacidade adicional de enerxía fronte a eventuais curtocircuítos.

Esta medida permitiría aproveitar parte das instalacións actuais e os puntos de conexión á rede, un dos principais activos da térmica que, no caso das Pontes, será aproveitada pola central de hidróxeno verde e os seis parques eólicos que a compañía prevé levantar na Galiza, que suman unha potencia total instalada de 611 megavatios (MW).

Pendentes do Ministerio

Até o momento Endesa non recibiu a autorización do Ministerio para a Transición Ecolóxica para o fechamento da térmica das Pontes. De feito, a súa intención era poder parar definitivamente a actividade o vindeiro 1 de xullo. 

Porén, o aluvión de alegacións da Xunta e do Concello das Pontes á solicitude presentada por Endesa en decembro de 2019 motivou que o departamento que dirixe Teresa Ribera optara por tramitar a petición de forma ordinaria, e non simplificada, o que alongará os prazos de resolución. Isto débese a que a empresa terá que presentar un estudo ambiental exhaustivo que despois será sometido a exposición pública e fase de alegacións. 

Precisamente, o pasado 7 de maio, o persoal da central e representantes sindicais manifestáronse ante a Delegación do Goberno español na Galiza para denunciar este cambio no procedemento, que podería adiar a resposta até en seis meses.

As e os traballadores alí presentes exixiron unha xuntanza con responsábeis do Ministerio e denunciaron unha vez máis a falla de proxectos, de plans de futuro e de convenio de transición xusta nas Pontes, así como o "obscurantismo e opacidade" da Xunta con respecto ás alternativas industriais que contempla.

Este tempo extra, sumado á suxestión da CNMC, podía levar Endesa a repensar a súa estratexia coa central térmica. Como incide o regulador no seu informe, "a relevancia do grupo de xeración a manter non se debería tanto á súa cada vez menor achega de potencia activa canto á súa contribución á potencia de curtocircuíto e o control de tensións na zona ante un escenario de crecente integración de fontes de enerxías renovábeis", igual que acontece na Galiza.

Comentarios