As consecuencias da guerra: comprar unha barra de pan custará o dobre nas vindeiras semanas

Expertos do sector apuntan que a suba deste ben esencial é "inevitábel" ante a escaseza de cereal, cuxas reservas na Galiza só abastecerán durante "dous ou tres meses".
Pan de Ousá (Foto: @PanadariaC).
photo_camera Pan de Ousá (Foto: @PanadariaC).

A Xunta da Galiza presentou esta cuarta feira os 44 estabelecementos, pertencentes a 14 panadarías do país, que desde agora venderán o seu pan baixo a indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego.

O acto, presidido polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, contou coa presenza de Guadalupe López, presidenta do Consello Regulador da IXP Pan Galego; Miguel Calvo, presidente da Asociación de Produtores de Cereal Galego (Procegal); Luís Urquijo, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; e Ángeles Romero, directora da Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela.

Precisamente, o pan vai ser un dos primeiros alimentos nos que se van notar os efectos económicos do conflito bélico entre Rusia e Ucraína. Julio García Morado, tesoureiro de Procegal, indicaba esta cuarta feira no programa 'Galicia por Diante' da Radio Galega que desde o sector agardan "subas históricas" no prezo do pan, que "case dobraría o prezo as vindeiras semanas".

Esta terza feira o conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, alertou de que pode empezar a haber problemas de desabastecemento de cereais na Galiza "en dous ou tres meses", polo que instou o Goberno do Estado a analizar, "desde o punto de vista estatal", a maneira de garantir a sustentabilidade económica do sector gandeiro.

Na mesma liña, o presidente da Federación Galega do Pan (Fegapan), César Manuel Frieiras, apuntaba que "no caso do pan, que non lle estrañe a ninguén que vai subir; é inevitábel".

Que diferencia o Pan Galego?

A calidade diferencial do produto amparado baixo a IXP Pan Galego, salientou a Xunta, "débese á súa orixe, ás características dos seus ingredientes e á súa forma de elaboración, requisitos todos eles recollidos no prego de condicións da IXP aprobado pola Unión Europea".

No que respecta aos ingredientes, "debe empregarse fariña de trigo da que, como mínimo, 25% procederá de trigos de variedades autóctonas da Galiza, entre as que destacan o callobre e o caveiro ou 'trigo país'", así como "auga, masa nai, sal común e, opcionalmente, lévedo biolóxico".

Aliás, o pan galego pode presentarse en catro formatos diferentes:  bolo ou fogaza, rosca, bola ou torta e barra. "O sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido e moi aromático, así como a súa codia triscante e a miga de textura esponxosa e alveolado abundante, son só algúns dos sinais de identidade deste produto tan característico da cultura gastronómica galega", engadiu o Goberno galego.

Comentarios