O lanzamento da nova IXP Pan Galego acrecenta o interese polo trigo do país

Asociación de Produtores de Cereal Galego (Procegal) recoñece que no último ano aumentaron as consultas para incorporar novas terras de cultivo de trigo do país.
Campo de trigo do país, nunha explotación en Abegondo. A produción podería verse incrementada coa irrupción do selo Pan Galego (Foto: Procegal).
photo_camera Campo de trigo do país, nunha explotación en Abegondo. A produción podería verse incrementada coa irrupción do selo Pan Galego (Foto: Procegal).

O vindeiro 9 de marzo é a data na que chegarán ás panadarías as primeiras pezas amparadas baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego. En principio serán 44 estabelecementos de 14 empresas as que distribúan estes alimentos por todo o país, que destacan por estar elaborados con ingredientes autóctonos. O principal, a fariña, faise con trigo galego. 

Miguel Calvo, presidente da Asociación de Produtores de Cereal Galego (Procegal) agarda con impaciencia o lanzamento da IXP, aprobada hai xa un ano. Desde entón, recoñece que o seu teléfono "soa máis" do habitual, en parte polo interese que desperta o cultivo das variedades de trigo galegas, Callobre e Caaveiro.

Segundo explica, o comezo da produción baixo o selo Pan Galego vai a supor a medio prazo un incremento da base territorial para a produción deste tipo de cereal ou calquera outro ecotipo ou variedade galega. "O incremento vai ser moi importante, non a curto prazo, porque debemos contar con máis panadarías que se unan, pero o interese do consumidor final está aí".

Neste senso, afirma que grandes empresas de distribución xa amosaron o seu interese en incluílo nos lineais dos seus supermercados. Tamén fala da existencia de unha "gran expectativa" no rural. "Esta semana chamou unha persoa interesada en producir trigo galego nunha finca de 40 hectáreas. A semana, pasada, unha nunha de 15 hectáreas... coa xente que nos chamou neste último mes poderíamos mobilizar 200 hectáreas tranquilamente", apunta Calvo.

En función da demanda

Algunha xente xa está a facer probas nas súas leiras, vendo como se adaptan os cultivos, cales son os requirimentos, que problemáticas ten ou que beneficios ten. "Aínda hai moito que facer e un dos nosos obxectivos como asociación é dar formación ás persoas asociadas nese campo, porque aí estamos moi verdes tamén", admite. 

Respecto ao cereal, asegura que se pode producir en todo o país, "aínda que prefire que o terreo peque de seco a de mollado". E logo está "o problemón" do minifundio, xa que entende que non se pode estar a día de hoxe con fincas "de dous ou tres ferrados", aínda que tampouco as de 40 hectáreas serían moi boas para o medio ambiente, matiza. "Con unha ou dúas hectáreas sería suficiente".   

O principal problema que presenta o trigo galego é a baixa resistencia ao tempo, que fai que se perda produción, e o índice de quilos por hectárea, "de aí o seu prezo", explica o presidente de Procegal. Porén, presenta un nivel de proteína moi alto. "A función como alimento nutritivo é espectacular" destaca.

A produción actual, a cargo das 16 persoas asociadas, dá para cubrir a demanda e mesmo deixar excedente, mais a idea de Procegal é incorporar máis xente en función da demanda dos panadeiros. Xa teñen a varias anotadas para incorporarse. 

"Somos os produtores, panadeiros e muíños que somos, pero isto acaba de empezar e vanse unir moitísimos, porque o interese chega por todas as partes. Quizais o que temos que facer é animar a máis panadeiros para que se sumen á IXP", reflexiona Calvo. 

Comentarios