A guerra pasa factura: a Galiza quedará sen cereal "en dous ou tres meses"

A acusada suba do prezo da cebada e o millo, sumada ao incremento dos custos de fertilizantes e combustíbeis, podería provocar a "desaparición" das explotacións gandeiras, advirte o conselleiro do Medio Rural, José González.
Vista dunha pequena explotación gandeira. (Foto: Europa Press)
photo_camera O prezo da cebada e o millo subiu máis de 50% (Foto: Europa Press).

O conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, alertou esta terza feira de que pode empezar a haber problemas de desabastecemento de cereais na Galiza "en dous ou tres meses", polo que instou o Goberno do Estado a analizar, "desde o punto de vista estatal", a maneira de garantir a sustentabilidade económica do sector gandeiro.

A suba dos prezos dos combustíbeis e fertilizantes, dixo, pode provocar a "desaparición" da gandaría debido á incapacidade dos gandeiros de pagar os prezos dos produtos. O conselleiro participou esta terza nunha reunión na Delegación do Goberno estatal na Coruña, onde pediu a convocatoria dunha conferencia extraordinaria de forma "presencial e inmediata" para analizar a problemática dos custos de produción que está a colocar o sector gandeiro galego nunha situación de "venda a perdas xeneralizada".

González sinalou que ao incremento dos custos de produción, "moi acusado" no ano 2021, súmaselle agora a guerra en Ucraína, principal exportador de millo, que ten unha importancia "fundamental" na alimentación animal.

Un incremento de 50%

O titular de Medio Rural explicou que "practicamente" desde que comezou a invasión rusa de Ucraína houbo un incremento dos prezos nos mercados internacionais, tanto de cebada como de millo, por riba de 50%. Así, o custo pasou "de 300 euros por tonelada a 420" esta segunda feira.

"Entendemos que temos que tomar medidas extraordinarias ante situacións extraordinarias", apuntou González, ao tempo que lembrou que "practicamente" 60% dos custos de produción do sector gandeiro corresponde á alimentación animal. O conselleiro manifestou que na segunda feira lle transmitiu ao Goberno estatal a "necesidade" de coordinar os gobernos territoriais e o Ministerio a adopción de medidas de "ámbito estatal", xa que non é unha cuestión que afecte "só" á Galiza, senón a "toda" a gandaría do Estado español.

Suba do prezo do leite

José González demandou un "esforzo a nivel estatal" para poder incrementar os prezos do leite como "mecanismo de defensa" fronte a este incremento dos custos de produción.

"Non é tempo de enfrontarse gobernos territoriais e Executivo estatal", sinalou González, senón de "remarmos todos xuntos" para axudar a un sector "esencial" na Galiza como é o gandeiro. O titular de Medio Rural apostilou que se non se lle axuda de maneira "inmediata" pode ficar en "perigo" a súa viabilidade e futuro económico.

Comentarios