A escaseza de aceite de xirasol golpea no sector conserveiro

Máis da metade das conservas que se elaboran na Galiza empregan un aceite de xirasol que procede na súa maior parte de Ucraína, o que xera inquedanza entre as empresas do sector.
conservas
photo_camera conservas

O aceite de xirasol, do que Ucraína é un dos principais países produtores, é un dos bens que primeiro empezaron a escasear nos mercados. Tanto é así que todas as distribuidoras de alimentación da Galiza decidiron limitar o número de unidades que se podían adquirir. 

Mais o aceite de xirasol tamén é fundamental para a industria alimentaria galega. De feito, o presidente da patronal conserveira e da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Juan Manuel Vieites, alertou onte de que o conflito derivado da incursión militar rusa na Ucraína pode producir un "desaxuste entre a oferta e a demanda" en cuestión de "tres semanas ou un mes".

Vieites recoñeceu que hai "nerviosismo" entre as empresas do sector pola "gran incerteza" que supón o conflito bélico en Ucraína, unha situación que lles levou a activar os seus plans de continxencia porque, explicou o presidente da patronal. 

Mentres que "antes tiñan compras aseguradas para 6 meses, agora poden quedar desabastecidas", alertou o dirixente de Anfaco. 

Medidas excepcionais

Ante esta situación, Vieites reclamou medidas "excepcionais" ás administracións española e europea para que o sector poida garantir a produción. Entre esas medidas estaría a suspensión de barreiras "técnicas e  arancelarias" para favorecer o aprovisionamento de materia prima.

A este respecto, o presidente de Anfaco e da CEG sinalou que as posíbeis alternativas para a importación de aceite de xirasol ─Francia, Moldavia ou Bulgaria─ non reportarían unha produción suficiente para facer fronte á demanda da industria.

Neste senso, lembrou que, anualmente, o sector da conserva emprega 98.000 toneladas de aceites (44% das conservas empregan o de oliva, mentres que 56% restante elabóranse co de xirasol, do que 70% chega de Ucraína).

Comentarios