As confrarías rexeitan a eólica mariña polas afeccións ao sector pesqueiro

Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías, advirte da "perda" de "moitos postos de traballo" no caso de se aprobaren os dous parques mariños que propón Iberdrola na costa galega, en zonas de alto aproveitamento pesqueiro.
Parque eólico mariño East Anglia One, no Reino Unido, operado por Iberdrola (Foto: Iberdrola).
photo_camera Parque eólico mariño East Anglia One, no Reino Unido, operado por Iberdrola (Foto: Iberdrola).

As confrarías de pescadores e organizacións de produtores pesqueiros opóñense á instalación de parques eólicos na zona do Cantábrico Noroeste, unha oposición que se puxo de manifesto tras unha nova reunión en Burela.

O presidente da Federación Nacional de Confrarías e presidente da de Burela, Basilio Otero, expresa a "preocupación" do sector ante a "presenza" deses muíños que se instalarían "sen ter en conta a pesca".

Otero asegura que o sector xa está "a dialogar co Goberno galego". Con todo, alerta de que "hai empresas a nivel estatal que van polo seu lado", algo que, avanza, desde o sector "non" o van permitir.

Segundo as previsións dos Planos de Ordenación do Parque Marítimo, explica Otero, "hai cinco zonas e Iberdrola xa expuxo dúas en concreto, unha fronte a San Cibrao (Cervo) e outra en Cedeira".

"No seu día pedimos a situación desas dúas zonas e déronnos información nesgada. Déronnos coordenadas XY, que son coordenadas de terra, e pedímoslles lonxitude e latitude. Ao final mandáronnolas e demostrámoslles que esas son zonas de traballo, de arrastre, cerco, artes menores e litoral", subliña o presidente da Federación Nacional de Confrarías, para advertir que suporía a "perda" de "moitos postos de traballo".

Basilio Otero constata finalmente que desde hai 20 anos "a frota española reduciuse á metade", e que esa presenza de parques eólicos aínda incidiría máis neste descenso.

Cómpre lembrar que o pasado novembro unha trintena de confrarías galegas, asturianas e cántabras asinaron en Burela un manifesto advertindo das súas "liñas vermellas" en relación aos proxectos mariños de renovábeis.

Comentarios