O comercio galego acepta, "de mala gana", as medidas de aforro enerxético do Goberno estatal

Desde a Federación Galega de Comercio instan a "sentar a negociar e buscar solucións concretas co consenso de todas as partes e resolvelo".
Un home camiña diante de dous escaparates após a aprobación do Plan de aforro. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Un home camiña diante de dous escaparates após a aprobación do Plan de aforro. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O comercio galego acepta "de mala gana" as medidas incluídas no Plan de aforro enerxético do Goberno estatal, como apagar os escaparates ás 22 horas ou manter fechada a porta, que son obrigatorias desde esta cuarta feira.

"Están a levarse a cabo porque existe por parte de todos vontade para poder colaborar porque nos decatamos de que é necesario", apunta o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas.

Porén, sinala que o sector "xa está afeito por parte do Goberno" a "sacar leis e decretos inconcretos que non acaban de ter un desenvolvemento que se poida comprender facilmente".

"Isto está a trastocarnos e dando moitos problemas e mareos. Parece que sempre o comercio é quen paga o pato dos erros que se van cometendo", protesta.

Seijas incide en que ditas medidas "maiormente vanse cumprindo", para a continuación deixar caer que "a ver que comerciante non procura gastar o menos posíbel en enerxía dado o prezo que ten". Con todo, asegura que son unhas solucións "que non van levar ao fin que pretenden".

Finalmente, o presidente da Federación Galega de Comercio suxire que será preciso "sentar a negociar e buscar solucións concretas co consenso de todas as partes e resolvelo".

A maior parte dos escaparates na cidade de Lugo permanecen apagados durante a noite, aínda que hai máis de un que saltou esta obriga e mantén a iluminación.

Comentarios