Transporte, hospitais... Onde se limitará a temperatura e onde non se aplicarán as medidas de aforro enerxético?

Centros sanitarios e hospitalarios, de formación —colexios, universidades ou gardarías—, salóns de peiteado, lavandarías, ximnasios e os medios de transporte —trens, avións, aeroportos, barcos...— quedarán excluídos da obrigatoriedade desta medida.
Os ximnasios, entre os espazos exentos do decreto de aforro enerxético. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os ximnasios, entre os espazos exentos do decreto de aforro enerxético. (Foto: Europa Press)

O Goberno español vén de aprobar o seu 'Plan de aforro e eficiencia enerxética' após exixir Bruxelas unha redución do gasto de enerxía, nomeadamente das fontes fósiles, para facer fronte á posíbel escaseza derivada dun hipotético corte do subministro por parte dun dos principais provedores da Unión Europea, Rusia.

Porén, este paquete de medidas non se aplicará na totalidade dos edificios ou locais no que atinxe á limitación da temperatura do ar acondicionado, que non poderá baixar dos 27 graos no verán, e da calefacción, que non deberá superar os 19 graos no inverno.

Así, centros sanitarios e hospitalarios, de formación —colexios, universidades ou gardarías—, salóns de peiteado, lavandarías, ximnasios e os medios de transporte —trens, avións, aeroportos, barcos...— quedarán excluídos da obrigatoriedade desta medida.

Tamén quedan exentos aqueles centros onde sexan necesarias exencións polas especificidades do sector, así como no caso dos hoteis, as habitacións, que son de regulación privada. No resto do hotel —por exemplo, restaurantes, cafetarías, espazos comúns...— si se aplicaría.

Desta maneira, os límites de temperatura fixados aplicaranse ao interior dos estabelecementos habirábeis que estean acondicionados, situados nos edificios e locais destinados a uso administrativo —incluíndo plantas ou zonas de oficinas, vestíbulos xerais e zonas de uso público—, comercial —tendas, supermercados, grandes almacéns, centros comerciais e semellantes— e cultural —teatros, cinemas, auditorios, centros de congresos, salas de exposicións...—, estabelecementos de espectáculos públicos e actividades recreativas, restauración —bares, restaurantes e cafetarías— e transporte de persoas —estacións e aeroportos—.

A data de inicio de aplicación da medida será aos sete días naturais desde o mesmo día da publicación do real decreto-lei no BOE, é dicir, o próximo 9 de agosto, e ficará vixente até o 1 de novembro de 2023.

Non se aplicará o apagado aos monumentos

No que respecta a outra das medidas anunciadas, o apagado de iluminación de escaparates, o horario de apagado desde as 22 horas aplicarase exclusivamente á iluminación de escaparates e de edificios públicos que á devandita hora estean desocupados.

Así, non se aplicará á iluminación ornamental de monumentos —agás se son edificios públicos que á devandita hora estean desocupados—. A data de inicio desta medida será tamén o próximo 9 de agosto e o límite para o seu cumprimento fíxase antes do próximo 30 de setembro.

No que se refire á instalación de cartelaría, sinais e pantallas, os edificios aos que aplica a limitación de temperatura deberán informar, mediante carteis informativos ou o uso de pantallas, as medidas de aplicación que contribúen ao aforro enerxético relativas aos valores límites das temperaturas do ar, así como información sobre temperatura e humidade —deben dispor de termómetros visíbeis aos usuarios do edificio—, apertura de portas ou réximes de revisión e mantemento.

Tamén poden informar doutras medidas que estean a adoptar voluntariamente e os carteis deberán ser visibles desde a entrada ou acceso dos edificios. A data de inicio da medida é ao mes desde a publicación da normativa no BOE, é dicir, o próximo 2 de setembro, e estará vixente, en principio, até o 1 de novembro 2023.

A respecto da obriga de dispor dun sistema de fechamento de portas axeitado, aplicarase en edificios e locais con acceso desde a rúa, destinados aos mesmos usos que aos que se aplicaría o límite de temperatura. Nesta medida non se consideran exclusións, salvo que a lexislación de seguridade que aplique ao edificio ou local impida cumprir esta obriga. A data para adaptarse é antes do 30 de setembro e non ten data fin para o seu cumprimento.

Comentarios