O Goberno estatal mantén o Plan de aforro enerxético pese ás presións do PP

O Plan de aforro enerxético entra esta cuarta feira en vigor a pesar da presión do Partido Popular para lograr a súa retirada. O Goberno español fica firme na súa postura e avanza que non tolerará "insubmisión ningunha", mentres a Comunidade de Madrid xa adiantou que recorrerá a norma no Constitucional.
A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, reuniuse onte cos seus homólogos territoriais. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, reuniuse onte cos seus homólogos territoriais. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O Goberno español non retirará, nin aprazará, o decreto que recolle o Plan de aforro enerxético a pesar das reiteradas peticións do PP. A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e máis a titular de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, mantiveron esta segunda feira un encontro por vía telemática cos conselleiros do ramo dos gobernos territoriais  e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para abordar este documento e sumar posíbeis achegas.

"Escoitamos a petición de retirada do decreto por parte dalgunhas comunidades autónomas, se ben ningunha dixo expresamente que non o vaia cumprir", precisou Ribera na rolda de prensa posterior á xuntanza. Explicou, aliás, que o Executivo recibirá propostas até o 31 de agosto, antes de presentar o proxecto final en Bruxelas no mes de setembro.

Porén, lamentou que "algunhas administracións, máis que desbotar a idea de axudar a que isto sexa posíbel, subliñaron que non lles gusta e que o van incumprir".

Foron os gobernos populares os que mostraron unha maior reticencia a este paquete de medidas, entre eles o da Xunta da Galiza. O presidente, Alfonso Rueda, recolleu a luva de Alberto Núñez Feixoo —líder do PP estatal— e reclamou a convocatoria dunha Conferencia de Presidentes para artellar un documento "con consenso" e non "a través dunha rolda de prensa e unha publicación inmediata no Boletín Oficial do Estado (BOE)". "Ninguén discute os obxectivos do plan; si o contido", asegurou.

Cuestionado a respecto das fortes críticas da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, que chegou a dicir que non cumpriría o plan de aforro, Rueda defendeuna alegando que "non se consultara as comunidades autónomas e había medidas francamente difíciles de entender, tal e como están redactadas, e de poder aplicalas".

Ayuso recorre ao Tribunal Constitucional

Minutos despois de rematar a reunión Díaz Ayuso avanzou que o Goberno de Madrid presentará un recurso perante o Tribunal Constitucional por "invasión de competencias", ao entender, aliás, que o decreto "vai, sobre todo, contra o comercio, sen contar con eles e obviando competencias exclusivas das comunidades autónomas".

Neste senso, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, advertiu que Moncloa non tolerará "insubmisión ningunha" ao decreto. "Pedimos a Feixoo que, aínda que lle custe, impoña a súa voz no Partido Popular. O camiño da insubmisión acaba mal, como xa se viu noutras ocasións", subliñou.

Peticións de adiamento

Pola súa parte, Catalunya e Euskadi reclamaron "flexibilidade" na aplicación dos límites de temperatura, nomeadamente nas estacións de transporte público, así como "máis recursos económicos e tempo" para que o plan entre en vigor, algo que a ministra Ribera descartou, así como a "matización" do texto.

Comentarios