Centos de usuarias denuncian as colas e o tempo perdido no control de tráfico na "raia"

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Río Minho (AECT Miño) vén de denunciar que nesta terza feira recibiron numerosas chamadas para queixarse da situación -vinculada ás restricións pola Covid-19 no paso transfronteirizo. Desde a organización critican que após meses con esta problemática non exista unha maior previsión.
Imaxe dun acto reivindicativo na fronteira. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Imaxe dun acto reivindicativo na fronteira. (Foto: Deputación de Pontevedra)

Responsábeis do Agrupamento Europeo de Cooperación Territerial Río Minho (AECT Miño) denunciaron esta tarde que, segundo lles alertaron a través de centos de chamadas, no día de hoxe decorreron largas esperas de até dúas horas para cruzar a fronteira entre a Galiza e Portugal. Ademais, segundo as testemuñas coas que contaron, as colas chegaron varios quilómetros máis aló do control de paso.

Para o vicedirector da entidade, Uxío Benítez, non se pode falar doutra cousa máis que de “caos” no paso de Tui cara o país veciño.

Segundo asegura, atendendo ás declaracións de centos de afectadas que chamaron á entidade e aos municipios transfronteirizos de ambos lados da “raia”, as e os máis prexudicados foron aqueles veciños da contorna que se dirixían aos seus postos de traballo.

As usuarias comunicáronse coa AECT para manifestar o seu “enfado” por unha realidade que Benítez considera un “escándalo”. Nas chamadas puxéronse de manifesto os danos económicos e sociais que provoca o feito de que haxa cruzamentos fechados e non se teñan en conta as circunstancias especiais da zona.

Non é a primeira vez que se reciben queixas, pois as propias administracións amosaron a súa preocupación en varias ocasións e mesmo hai estimacións das perdas que supón prolongar o fechamento perimetral da Galiza con Portugal.

Onte mesmo o consello de coordinación da AECT aprobou unha moción para que os 16 concellos e cámaras da “raia” instaran a todas as autoridades administrativas responsábeis a pensar e facilitar medidas de compensación.

Neste contexto, Uxío Benítez, advertiu de que a situación é cada vez máis “inasumíbel”. Non entende que após meses coas mesmas condicións detecten problemas loxísticos nos puntos de control (nos que se xustifican os permisos para os desprazamentos) “do mesmo modo que o primeiro día do confinamento”.

O tamén representante de Deputación de Pontevedra sostén que “chove sobre mollado” e que é preciso fornecer “solucións e compensacións”.

Comentarios