A prórroga do feche da fronteira con Portugal afonda a crise na 'raia'

O anuncio do primeiro ministro portugués, António Costa, na pasada quinta feira, de manter o feche da fronteira coa Galiza até o 30 de abril agrava aínda máis a situación económica de moitas empresas e, en especial, do comercio que vive case con exclusividade do fluxo de mobilidade poboacional. Os principais pasos fronteirizos, Chaves-Verín e Tui-Valença, son os máis prexudicados. 
Fila de coches nun control policial na fronteira da ponte internacional Tui-Valença o pasado 31 de xaneiro (Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
photo_camera Coches nun control policial na fronteira da ponte internacional Tui-Valença o pasado 31 de xaneiro (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

O territorio transfronteirizo entre a Galiza e o norte de Portugal conta con 26 municipios, 16 galegos e 10 portugueses, e unha poboación aproximada de 400.000 persoas. A pandemia e o fechamento da fronteira a finais de xaneiro racharon o camiño de colaboración económica que marcaran no seu día como parte da Eurorrexión. As queixas dalgúns organismos e dos propios concellos conseguiron a mobilidade das traballadoras e dos traballadores desde o mes de febreiro.

A medida anunciada agora polo primeiro ministro portugués, António Costa, bota abaixo as esperanzas do sector comercial fronteirizo e axita as protestas que tiveron lugar os últimos días. Na rolda de prensa en que se deu a coñecer este novo prazo, Costa xustificaba esta prórroga de 15 días polo acordo "co Reino de España" na confianza de que "todos os coidados son poucos", malia recoñecer que "xa sexa do noso lado, ou do outro lado, a pandemia tivo unha evolución positiva".

Increméntase a ruína económica 

O vicedirector da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, Uxío Benítez, asegura que con esta nova "pasamos de indignación a cabreo absoluto". Benítez afirma a Nós Diario que se demostra "día a día e prórroga a prórroga que se incrementa a ruína económica do territorio fronteirizo do río Miño". Lamenta que "cando as restricións sanitarias en Portugal, e aquí, se relaxaron e comezaron a abrir os horarios nos comercios esta decisión política dos Estados restou un 50% de clientes a ambos os lados" da raia.

Por este motivo, reafírmase na demanda "urxente e xusta de que se instrúan mecanismos económicos compensatorios para o territorio do río Miño". Benítez incide en que "hai fondos europeos creados para compensar os danos económicos procedentes da Covid-19 e pedimos que haxa partidas económicas concretas do Next Generation aos territorios fronteirizos". 

Así mesmo, Pablo Rivera, secretario executivo da AECT Eurocidade Chaves-Verín, coincide en que no fondo de recuperación debería de adoptarse "algún modelo de compensación e de axuda para estas empresas e comercios que sufriron unha caída do consumo durante o fechamento de fronteiras". 

Igualar as medidas con outras fronteiras

A prórroga demostra, segundo explica Rivera a Nós Diario, "un total descoñecemento da realidade deste territorio raiano", xa que "a eurocidade Chaves-Verín é un continuo poboacional que constitúe unha área funcional  con permeabilidade nas relacións sociais e nos proxectos empresariais", con "grandes dinámicas económicas a escala transfronteiriza".

Deste modo, propón que se adopten outras medidas como as que se implementaron na fronteira con Francia, "onde hai un control sanitario e exíxese unha proba PCR, mais coa exclusión do persoal profesional de transporte, traballadoras e traballadores transfronteirizos e as persoas residentes nun radio de 30 quilómetros".

Mobilizacións na raia e descontento 

Comerciantes de Feces de Abaixo, no concello de Verín, mobilizáronse a pasada cuarta feira no paso fronteirizo para protestar por unha medida que consideran "inxusta". En declaracións a Chaves TV, aseguraban non entender as razóns polas que "non pode vir un portugués de Chaves a mercar aquí e deixan pasar vehículos con xente que vén de Suíza ou Francia".

Séntense prexudicados e denuncian que os controis policiais funcionan só nesa zona comercial e non no resto do territorio. Ademais exixen que a Eurocidade "funcione de verdade" para que os seus negocios poidan optar como o resto ás axudas por ter que fechar os seus estabelecementos. Coa prórroga do feche, anunciaron que cortarán o paso fronteirizo todas as sextas feiras até que se escoite a súa demanda.

Comentarios