Uxío Benítez: "Levantaron un muro de Berlín no río Miño que non responde á nosa realidade"

2020051200185511081
photo_camera Uxío Benítez, deputado en Pontevedra e director da AECR Río Miño.

Cal é a importancia da relación entre os territorios fronteirizos galegos e lusos?

A fronteira do río Miño, da Guarda a Crecente, representa 70 quilómetros dos 2.200 da fronteira entre o Estado español e Portugal. Falamos de 5%, en termos de extensión. Pero polo paso de Tui-Valença, o único que quedou aberto neste territorio polas restricións da pandemia, pasaron desde o feche 44% da vehículos que transitaron entre o Estado español e Portugal. O dato exemplifica a importancia desta fronteira, unha das máis poboadas, e tamén explica as relacións profundas culturais, sociais e económicas entre Galiza e o norte de Portugal. Nada que ver co que ocorre noutros territorios. 

Neste momento de crise, que traballo está a desenvolver a AECT Río Miño? 

Queremos visibilizar esa importancia da que é unha das fronteiras máis dinámicas de Europa. Curiosamente, a raíz da COVID-19 tómase a decisión de fechar as fronteiras, 25 anos despois da aprobación do Tratado de Schengen, e que só se poidan atravesar nuns determinados puntos; no caso de Pontevedra, unicamente a través de Tui-Valença. Desde a AECT Río Minho, o que fixemos foi contratar un estudo á Universidade de Vigo para analizar o impacto que tivo ese feche. Despois de recibir o informe previo deste estudo, fixemos unha reunión cos alcaldes e autarcas da fronteira, da que saíu un documento no que reivindicamos a apertura inmediata de todos os pasos transfronteirizos para traballadores. Moitísimas persoas están tendo que percorrer moitos quilómetros para chegar ao paso de Tui e iso ten unha consecuencia económica, en tempo e en risco. 

Que demandas fan estas poboacións?

Non se xustifica baixo ningún concepto non deixar pasar as traballadoras e traballadores polos pasos de Cerveira-Tomiño, Arbo-Melgaço ou Salvaterra-Monção, cando si poden pasar por Tui-Valença. É unha cuestión puramente de falta de medios, de que non teñen gardas suficientes para as fronteiras, e estamos falando de xente que vive nun lado e traballa noutro. Hai multitude de casos porque é unha fronteira moi poboada. A reapertura debería ser inmediata, xa que é algo inexplicábel. A segunda demanda que facemos é que o proceso de desconfinamento nesta zona sexa equilibrado e coordinado entre os dous Estados, para que en ámbitos territoriais como as eurocidades non se produza o efecto de partilas en dous. 

Neste lado féchase a fronteira dándonos a entender a nós, veciños desta beira do río, que o virus podería vir de Portugal, cando resulta que nos concellos da outra  beira case non había casos, e, non obstante, desde Madrid si que deixan seguir circulando

Teñen unha proposta?

Apélase a que os Estados poidan facer un proceso nestes territorios onde unha descoordinación imposibilita o funcionamento e as relacións normais que había antes do feche das fronteiras. Incluso poderían estudarse fórmulas para que as persoas residentes neste territorio transfronteirizo poidan ter unha normativa diferente. Levantaron un muro de Berlín no río Miño que non responde á realidade territorial dunha rexión que ten unha identidade e unha comunidade. Eu, particularmente, non comparto a decisión dos dous Estados de fechar as fronteiras cando xa había casos nos dous lados, tendo en conta que os concellos do sur da Galiza e o norte de Portugal teñen datos epidemiolóxicos moi similares, moi baixos. Neste lado féchase a fronteira dándonos a entender a nós, veciños desta beira do río, que o virus podería vir de Portugal, cando resulta que nos concellos do outro lado case non había casos, e, non obstante, desde Madrid si que deixan seguir circulando. E ao revés ocorreu o mesmo, tendo a acumulación de contaxios nas áreas metropolitanas de Porto, Braga e Guimarães. Isto responde máis unha vez a esa visión de tomar decisións gratuítas desde Madrid e desde Lisboa. Para os territorios que vivimos con esta normalidade son medidas absurdas. 

Que pasos está a dar a AECT Río Miño para presionar pola reapertura?

A Asociación de Rexións Fronteirizas, nunha reunión recente que mantivemos, quedou de facer un comunicado á presidenta da Comisión Europea para pedir que se actúe, tanto nesta fronteira como na de Alemaña.  Tamén pedimos reunións urxentes, tanto co presidente da Xunta como co delegado do Goberno, que nos convocou para mañá (por hoxe). Da Xunta non tivemos resposta. Ademais, estamos traballando vía Portugal e cónstanos que este asunto está enriba da mesa do seu ministro de Interior. O que sentimos, e estamos vendo, é que cada día que pasa a indignación na poboación crece. A inacción non se entende e o Estado terá que reaccionar, ou haberá que pensar en formular outras medidas.

Feixoo "cala" ante as peticións de apertura

"As relacións económicas e sociais co norte de Portugal son moi fortes e o presidente da Xunta debería estar reclamando ao Estado, porque a Galiza vaille a vida, pero temos un presidente calado", censura o deputado, quen calcula que os traslados entre Galiza e Portugal, sumando os que se fan a través de Tui e os que se realizan por Verín-Chaves, representan 50% dos totais.

A este "silencio", Benitez opón casos como o de Estremadura, onde o paso de Villanueva del Fresno reabriu hai unha semana por petición do Goberno territorial. Como lembra ademais o director da AECT Río Minho, Feixoo ostenta neste momento a presidencia interina da Comunidade de traballo Galiza-norte de Portugal, "un dos primeiros exemplos de políticas de cooperación que se fixeron en toda Europa e semente da Eurorrexión". "Para el debería ser un tema crucial", defende. 

Comentarios