Cualifican de “grande vitoria” a apertura de 3 novos pasos na fronteira entre Galiza e Portugal

AECT Río Minho destaca que a forza e presión da agrupación europea e dos concellos “fixo ver a Madrid e a Lisboa a realidade transfronteiriza e adoptar solucións” e critica a “inacción” de Feixoo.

concellos minho SOS
photo_camera concellos minho SOS

A AECT (Agrupación Europea de Cooperación Territorial) Rio Minho considera “unha grande vitoria do territorio” a decisión dos Gobernos españois e portugués de abrir tres novos pasos para traballadores e traballadoras transfronteirizos en Tomiño, Salvaterra e Arbo.

O director da agrupación europea, Uxío Benítez, a decisión responde á presión “pública e social” impulsada pola AECT e os concellos miñotos dun e doutro lado da fronteira. “Conseguimos facer visíbel en Madrid e Lisboa a realidade transfronteiriza, que dous gobernos de dous estados acordaran unha solución para os traballadores transfronteirizos”, destacou.

Destacou tamén a “unidade” de todos os alcaldes e alcaldesas de ambas beiras independentemente das súas siglas para denunciar unha situación “ilóxica e inxusta”. Lembrou que dende o inicio do peche de fronteiras demandouse unha maior mobilidade, pero que a petición de apertura de máis pasos foi un “clamor” dende finais de abril, cando alcaldes e alcaldesas asinaron un manifesto pedindo máis puntos de paso autorizados e trasladaron un informe da Universidade de Vigo a todos os niveis da administración estatal e da Xunta .

Neste sentido, Uxío Benítez foi especialmente duro co papel xogado polo presidente Núñez Feixoo, “totalmente ausente” ante as reclamacións de concellos e das persoas afectadas. “Houbo unha inacción absoluta".

"O presidente desentendeuse totalmente da situación deixando nas mans dos concellos toda a reivindicación, a pesares de que debería ter activado a súa figura dentro da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, poñéndose á fronte. Abandonou á súa sorte esta parte do país nun momento de crise moi grave. Nin visitou a zona nin atendeu á nosa demanda de reunión. Iso di moito da importancia que para el teñen as relacións con Portugal”, subliñou.

Comentarios