Canto encarecen os alimentos desde que son recollidos no campo até que os compramos no supermercado?

Facua demanda instaurar a dobre etiquetaxe.
Persoa mercando alimentos (Foto: Arxina).
photo_camera Persoa mercando alimentos (Foto: Arxina).

Os alimentos encareceron até 875% do campo aos lineais dos supermercados, segundo destacou esta terza feira a organización de usuarias e usuarios Facua, que explicou que nesta análise foron tidos en conta 13 produtos entre os que hai froitas, verduras, legumes, ovos e aceites de xirasol.

Facua lembrou que leva anos pedindo ao Goberno do Estado español que impoña un dobre etiquetado, de maneira que as usuarias poidan coñecer canto cobraron as explotacións polos produtos comercializados.

Neste contexto, o dobre etiquetado ofrecería a posibilidade de saber "que empresas inflan máis as súas marxes de beneficio e cales castigan máis o sector primario obrigándolles a axustar excesivamente os seus prezos".

Por exemplo, segundo os datos do estudo, realizado a comezos de ano, o aceite de xirasol pagábase ás explotacións a 0,96 euros o litro, mentres que o prezo medio nos puntos de venda foi de dous euros o litro, 108% máis. Así mesmo, o quilo de limóns en orixe pagábase a 0,20 euros, mentres que o prezo nos puntos de venda estaba, de media, a 1,79 euros, 695% máis.

Críticas ao Ministerio

Neste sentido, a organización de usuarias criticou este mesmo mes a inacción do Ministerio español de Agricultura, Pesca e Alimentación ante as subas "ilegais" dos prezos de numerosos alimentos co Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) rebaixado, e pediu a Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2023 que exerza a súa "potestade sancionadora" contra as cadeas de distribución e as empresas alimentarias, que ao seu entender, están incumprindo a prohibición de non subir estes alimentos por riba da alza do seu custo de produción.

Comentarios