O aceite de oliva virxe extra encareceu 70% no último ano: por que poderían ser "ilegais" eses beneficios?

Facua alerta das subas de prezos que se están a producir tanto co aceite de oliva como con outros moitos alimentos afectados pola rebaixa do IVE.
Envasado de aceite. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera Envasado de aceite. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

O aceite de oliva virxe extra encareceu de media 69,3% nos supermercados ao longo de 2023, segundo os datos do estudo realizado por Facua-Consumidores en Acción sobre 18 marcas á venda nos supermercados do Estado español. 

En concreto, a organización de persoas consumidoras sinala que esta análise mostra que, en contra do argumento que esgrimen fabricantes e cadeas de supermercados, as subidas non son froito só do encarecemento do produto en orixe. Así, no último ano, os incrementos de prezo nos puntos de venda representan até 2,54 euros por litro máis que en orixe. 

Beneficios "ilegais"

Tras os datos deste informe, Facua volveu reclamar ao Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, que dirixe Pablo Bustinduy, que abra unha investigación sobre os "incrementos ilegais de marxes de beneficios" que presumibelmente se están a producir tanto co aceite de oliva como con outros moitos alimentos afectados pola rebaixa do IVE, xa que o real decreto-lei que estabelece esta medida, prorrogada até mediados de 2024, prohibe os aumentos de marxes. 

Desta maneira, Facua sinala que o aceite de oliva virxe extra subiu durante 2023 até 2,54 euros por litro antes de impostos. Así, o prezo medio do litro de aceite de oliva virxe extra nos supermercados enquisados pasou de 6,91 euros o primeiro mes de 2023 a 12 euros en xaneiro de 2024. Pola súa parte, o prezo medio do litro en orixe, segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación pasou, nas mesmas datas, de 4,91 a 7,45 euros.

Comentarios