Credit Suisse afunde en bolsa e reaviva o temor no sector bancario tras a creba de Signature e SVB

Os mercados bolsistas sofren nesta xornada as consecuencias da incerteza xerada por mor da perda de valor de máis de 25% das accións do banco suízo.
Sede do banco Crédit Suisse en Berna. (Foto: Dogan Mesut)
photo_camera Sede do banco Crédit Suisse en Berna. (Foto: Dogan Mesut)

O Ibex-35 experimenta esta cuarta feira unha nova xornada netamente negativa diante das turbulencias que está a rexistrar o banco de investimentos suízo Credit Suisse en bolsa, unha delicada situación que levou a banca a liderar máis unha vez as caídas con descensos de máis de 9%. En concreto, o Ibex-35 situábase ao fío dos 8.800 puntos cara á media sesión, a pesar de que na apertura ficara por riba dos 9.100 enteiros.

Contra as 12 horas o índice selectivo das bolsas e mercados españois cotizaba nos 8.817,70 puntos, o que supón un retroceso de 3,73% a respecto do feche da terza feira. Minutos antes da media sesión, o selectivo chegaba a cotizar nun mínimo de 8.778,9 puntos, o que se traduce nunha caída de 4,15% comparando co feche anterior.

A xornada estivo marcada de novo pola caída dos seis bancos cotizados españois. Banco Sabadell repetiu como o 'fechacancelas' da banca ao ser a entidade que máis cae, descendendo 8,96%. A entidade de orixe catalá tamén foi a que máis afundiu tras a creba dos estadounidenses Silicon Valley Bank e Signature Bank.

Por detrás de Sabadell nos descensos do Ibex ficaron BBVA (-7,38%), Bankinter (-6,95%), Banco Santander (-6,47%), Meliá (-6,14%), CaixaBank (-5,98%), ArcelorMittal (-5,46%), Inditex (-5,35%) e Unicaja Banco (-5,33%). Das 35 empresas que cotizan no selectivo, unicamente Iberdrola rexistraba un avance positivo cara ás 12 horas, cun incremento de 0,64%. Entre as empresas que menos caían estaban Logista (-0,45%), Rovi (-0,50%), Acciona Renovables (-0,63%) e Telefónica (-1,00%).

Estas pronunciadas caídas na banca producíronse en paralelo ás turbulencias que está a rexistrar a cotización de Credit Suisse. A entidade financeira rexistraba descensos de máis de 25% esta cuarta feira logo de que o seu principal accionista, o Saudi National Bank, rexeitase na prensa anglosaxoa achegar máis capital para a entidade, xa que superaría unha participación de 10%, o que desbota aludindo a motivos regulatorios. As súas accións caen a mínimos históricos nestes momentos: 1,66 francos suízos por acción —1,71 euros—.

Credit Suisse sofre estes problemas na súa cotización unha semana despois de informar de que atrasaba a publicación do seu informe anual de 2022 ao recibir un aviso sobre cuestións técnicas por parte do regulador financeiro dos Estados Unidos. Posteriormente, a entidade recoñeceu detectar unha "debilidade material" no control interno da información financeira.

As caídas non son exclusivas do Ibex-35, xa que o resto das grandes prazas europeas experimentaron unha evolución similar. O DAX alemán descendía 3,04% cara á media sesión, mentres que o CAC-40 francés facíao por volta de 3,53%, e o FTSE-MIB italiano, en 3,70%. O Euro Stoxx 50 baixa 3,35%, á vez que o FTSE-100 británico contráese en 2,45%.

No mercado de materias primas, o prezo barril de Brent minguou até os 76,31 dólares, o que supón 1,42% menos, mentres que o West Texas Intermediate cotizaba nos 70,21 dólares o barril, 1,54% menos. O rendemento no mercado secundario de débeda do bono español con vencemento a 10 anos situouse en 3,366%, desde o 3,484% en que fechara esta terza feira.

Desta forma, a prima de risco ofrecida aos investidores en débeda española en comparanza coa débeda alemá elevouse en 3,4 puntos cara á media sesión, até os 109,8 puntos básicos. No mercado de divisas, o euro depreciouse 1,10% fronte ao dólar estadounidense, perdendo a cota dos 1,07 dólares por euro. Así, o tipo de cambio do mercado chegouse a situar nos 1,0616 dólares.

Comentarios