A creba de dous grandes bancos dos EUA causa "pánico" nos mercados globais

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, intentou transmitir calma após sucedérense a segunda e terceira maior creba financeira da historia do país norteamericano. Porén, as bolsas internacionais viviron unha xornada negra e distintas voces falan de colapso da economía.
O presidente dos EUA, Joe Biden, asegurou onte a "estabilidade" do sistema financeiro a pesar das crebas acontecidas nos últimos días (Saquan Stimpson / Europa Press / Contacto).
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden, asegurou onte a "estabilidade" do sistema financeiro a pesar das crebas acontecidas nos últimos días (Saquan Stimpson / Europa Press / Contacto).

A última hora do domingo, as autoridades dos Estados Unidos de América (EUA) procedían ao fechamento dunha nova entidade bancaria, o Signature Bank, despois de que dous días antes, a pasada sexta feira, tivera lugar o colapso do Silicon Valley Bank. A creba do Silicon Valley Bank e do Signature Bank supoñen, respectivamente, o segundo e o terceiro maior colapso financeiro en toda a historia dos EUA, tan só superados polo de Washington Mutual en 2008, ano en que se desatou a última crise financeira a nivel global.

O Signature Bank "foi fechado polas súas autoridades estatutarias. Todos os depositantes desta institución serán indemnizados. Do mesmo modo que coa resolución do Silicon Valley Bank, o contribuínte non sufrirá perdas", anunciaron o Departamento do Tesouro, a Reserva Federal e a Corporación Federal de Seguros de Depósitos (FDIC) dos EUA nun comunicado conxunto. Porén, tan só unhas horas antes da creba do Signature Bank, a secretaria do Tesouro, Janet Yellen, declarou que o Silicon Valley Bank non sería rescatado.

As entidades que asinaron o comunicado procederán á protección de 100% dos depósitos dos bancos crebados para permitir operar as empresas que vían en risco a súa liquidez. Con esta medida, as institucións tamén queren evitar que a desconfianza afecte outros bancos.

Pola súa parte, o Departamento de Servizos Financeiros de Nova York (DFS) afirmou no seu propio informe que tomou posesión do Signature Bank, que tiña ao redor de 110.360 millóns de dólares en activos totais e 88.590 millóns de dólares en depósitos a finais de 2022.

"DFS está en estreito contacto con todas as entidades reguladas á luz dos acontecementos do mercado, monitoriza as tendencias financeiras e colabora de forma próxima con outros reguladores estatais e federais para protexer as persoas usuarias, garantir a saúde das entidades que regulamos e preservar a estabilidade do sistema bancario global", sinalou o organismo.

O presidente dos EUA, Joe Biden, asegurou na xornada desta segunda feira á poboación estadounidense a "estabilidade" do sistema financeiro a pesar dos problemas que ocorreron no sector. 

Ao mesmo tempo, negou que se vaia desenvolver unha protección dos investidores das entidades crebadas. "Asumiron o perigo a propósito e cando o risco non lles saíu ben, os investidores perderon o seu diñeiro. Así funciona o capitalismo", comentou. Por outra parte, o mandatario reiterou as garantías dadas o pasado fin de semana polos reguladores aos depositantes dos bancos colapsados de que manterían acceso aos seus fondos.

O ex presidente dos EUA e líder republicano, Donald Trump, arremeteu contra Biden pola situación económica que se desenvolveu, salientando as perturbacións que están a ocorrer no sector bancario. "Teremos unha gran depresión moito máis grande e poderosa que a de 1929. Como proba, os bancos xa están a empezar a colapsar", agregou. "Biden pasará á historia como o Herbert Hoover da idade moderna", engadiu Trump, referíndose ao presidente cuxo mandato estivo marcado polo crac financeiro do 29.

Reunión de urxencia da Reserva Federal dos EUA

No contexto da crise do Silicon Valley Bank e tras o fechamento tamén do Signature Bank, a Xunta de Gobernadores da Reserva Federal dos EUA (Fed) reuniuse a porta fechada na sede do banco central estadounidense en Washington seguindo os "procedementos acelerados". 

Neste sentido, a Fed anunciou que porá ao dispor dos bancos dos EUA "fondos adicionais" co obxectivo de axudar a garantir que as entidades teñan a capacidade de satisfacer as necesidades "de todas as súas depositantes". Así mesmo, a institución presidida por Jerome Powell, defendeu que as posicións de capital e liquidez do sistema bancario estadounidense "son sólidas" e que "o sistema financeiro dos EUA é resistente".

Consecuencias globais

A profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María do Carme García-Negro, en conversa con Nós Diario, é prudente na análise posto que "a crise non fixo máis que empezar". Porén, explica, "os colapsos financeiros na actual economía global son sempre a temer xa que as conexións capilarízanse a todas as finanzas mundiais".

"Non me arriscaría a facer un prognóstico das potenciais consecuencias para a economía galega do que poida pasar, xa que estamos moi lonxe do punto do epicentro do sismo", acrecenta. Non obstante, di a profesora, "de momento xa se notan os efectos das crebas destes dous bancos en todas as bolsas europeas".

Por outra parte, sinala García-Negro, "hai que considerar o que é normal nas relacións financeiras, que son os efectos da falta de confianza ou simplemente do pánico, algo que podería ter consecuencias nos mercados".

O contaxio da creba bancaria xa chegou ao Reino Unido

O efecto dominó da creba do Silicon Valley Bank e do Signature Bank estase a notar xa tanto dentro como fóra das fronteiras estadounidenses. A cotización das accións de First Republic Bank caeron esta segunda feira 65% na Bolsa de Nova York, até chegar aos 28 dólares por unidade.

A situación tamén se fixo notar no Reino Unido, pois a filial do Silicon Valley Bank neste Estado cesou a súa actividade e deixou de aceptar novos clientes, un contexto no que a empresa de banca e servizos financeiros HSBC acordou a súa compra por unha libra esterlina en virtude dun acordo negociado polo Goberno do Reino Unido. Os bancos españois caeron entre 6% e 12%.

Os principais bancos españois rexistraron esta segunda feira caídas na súa cotización en bolsa de entre 6% e 12%. Segundo o profesor de Historia Económica da USC, Adrián Dios, en declaracións a Nós Diario, explica que "hai que ser cautos polo de agora mais isto demostra que o sistema financeiro é máis fráxil do que se cría".

"O efecto de arrastre pode ser moi perigoso, xa se está falando de outras entidades que poderían crebar, mais o importante é que reacción do Goberno e da Reserva Federal dos EUA foi moi contundente e que van asegura 100% dos depósitos", engade Dios.

Comentarios