martes 24/11/20

BBVA e Sabadell relevarán Caixabank como terceira entidade bancaria na Galiza

BBVA e Sabadell comezaron a semana anunciando negociacións para unha posíbel fusión que no caso da Galiza tería moito máis impacto que a de Caixabank e Bankia. A entidade resultante podería situarse por detrás de Abanca e Santander en número de oficinas, cunha cota de mercado no país próxima a 20%. 
Oficina principal do BBVA na Coruña, sede da territorial Noroeste (Foto: Xoán Roberes).
Oficina principal do BBVA na Coruña, sede da territorial Noroeste (Foto: Xoán Roberes).

BBVA e Sabadell anunciaron esta segunda feira o inicio das negociacións formais para unha posíbel fusión. De momento, haberá que agardar para coñecer os detalles da mesma. O conselleiro delegado do Sabadell, Jaume Guardiola, indicou que "nas próximas semanas podería haber noticias sobre o resultado das conversas con BBVA" para unha eventual fusión que daría lugar a unha entidade cuns activos globais de 963.108 millóns de euros, dos que 596.481 corresponderían ao mercado español, onde superaría a Santander como segunda entidade, só por detrás da fusionada Bankia-Caixabank.

Ao contrario do que acontece con esta última, a fusión dos negocios de BBVA e Sabadell, entidade que en 2013 se fixo co Banco Gallego, si tería consecuencias salientábeis na Galiza. A unión de ambas conformaría unha entidade que controlaría preto dunha quinta parte do mercado galego. Segundo as estimacións de Credit Suisse, arredor de 20%. 

Quedarían aínda a moita distancia de Abanca e Santander ─herdeira do Banco Pastor─, mais a súa rede, que suma máis de duascentas oficinas na Galiza, podería verse drasticamente reducida após a fusión. 

Moitas duplicidades

Segundo explica a Nós Diario o  secretario da sección sindical da CIG no BBVA, Miguel Fernández, a fusión pode afectar "moi negativamente" a Galiza. Por unha banda polo feche de oficinas. "Con cada fusión son maiores os territorios que quedan á marxe dos servizos financeiros", denuncia. Ademais, entende que estes movementos "só benefician as grandes empresas, as multinacionais e grandes accionistas", mentres a clientela ve como as entidades restrinxen e encarecen os servizos financeiros, en especial as persoas autónomas e as pemes no que atinxe ao aceso ao financiamento.

No caso do BBVA e o Sabadell, con 253 oficinas comerciais na Galiza (146 do BBVA e 97 do Sabadell), prodúcense duplicidades en 91 nun total de 54 prazas, con maior incidencia nas grandes cidades. Segundo os cálculos da CIG "fecharán as oficinas duplicadas máis o 30%", o que deixa o "terríbel" dato de máis dun cento de oficinas que desaparecerán após a hipotética fusión de ambas as entidades.

Estes feches levarán consigo "medidas traumáticas", xa que, como explica Miguel Fernández, "a idade do persoal non dá pé a que haxa moitas prexubilacións". "Coas fusións 1+1 nunca suman dous", lamenta. E a todo isto hai que engadir o feito de que as entidades seguirán acometendo fechamentos de oficinas na Galiza antes de que se materialice a hipotética fusión.

Salvar a territorial

a Galiza, a fusión entre o BBVA e o Sabadell leva aparellada unha disputa territorial, nunca mellor dito. 
Ambas as entidades dividen o seu negocio en zonas. No caso do norte da península unha oficina territorial controla Galiza, Asturias e Castela e León, tanto no BBVA como no Sabadell. O problema é que a do BBVA está na Coruña e a do Sabadell en Oviedo.

A coruñesa ten moito máis peso en persoal, de aí que desde os sindicatos consideren "fundamental" manter a territorial noroeste do banco fusionado na Galiza. Neste senso, o secretario da CIG en BBVA, Miguel Fernández, explica que dun cadro de persoal de 867 traballadores na Galiza, unha alta porcentaxe traballa na Coruña, en parte polo feito de que alí están os servizos centrais. Na súa opinión, mantelos na Galiza "parece que é o máis lóxico, porque son os que máis xente teñen".

Menos oficinas

Como apunta Jorge Villarino, secretario xeral da agrupación do sector financeiro de CCOO-Servizos, "esta operación, de cristalizar, non vai ser mañá. Aínda ten que concluír a due dilligence, someterse aos consellos de administración e ás respectivas xuntas xerais de accionistas, ademais de agardar polas autorizacións dos organismos reguladores". De aí que cada unha siga adiante cos plans que xa tiñan marcados. 

No caso do BBVA, a propia entidade confirmou hai una semana que mantiña a súa intención de fechar 160 oficinas no Estado español antes de final de ano. Mais coa fusión os plans poden mudar, como demostra o feito de que o Sabadell decidise suspender a negociación cos sindicatos para acometer axustes no seu cadro de persoal, que no caso da Galiza traduciríase na saída dun máximo de 45 persoas, na medida do posíbel a través de prexubilacións. 

Desde UXT, o seu secretario xeral, Pepe Álvarez, pon o acento na dixitalización, que tamén vai traer máis feches de oficinas e aumentar a exclusión financeira. "A fenda dixital que se pode producir no noso país non só entre zonas urbanas e rurais, senón tamén entre as persoas maiores que non teñen acceso ao sistema dixital, pode ser absolutamente difícil de saltar", advertiu Álvarez.

Por iso, avogou por "democratizar" a dixitalización para que chegue a todas as capas sociais e a todas as persoas, con independencia da súa idade.

Loita pola clientela

Nesta liña, o conselleiro delegado do Sabadell, Jaume Guardiola, anticipou que no medio prazo o sector bancario librará "unha gran pelexa" por converterse no banco principal, e mesmo exclusivo, da clientela. "O número de bancos por cliente cada vez será máis pequeno", afirmou, e estes premiarán con comisións baixas ou nulas a clientela máis vinculada. "Isto vai acabar producindo unha gran pelexa por ser o banco principal do cliente e, a medio prazo, atrévome a dicir que o exclusivo", incidiu o directivo do Sabadell.

comentarios