O cobro de comisións abusivas de Abanca escurece de novo a entidade

Abanca, entidade resultante da fusión das caixas galegas, volve acoller protestas fronte as súas sucursais. Desta vez a razón non son produtos bancarios "tóxicos" senón o cobro de comisións de 100 euros anuais por ter unha conta aberta. A entidade de Juan Carlos Escotet tivo en 2019 un beneficio neto de 405 millóns de euros.
Protesta diante dunha oficina de Abanca en Salvaterra de Miño (Nós Diario)
photo_camera Protesta diante dunha oficina de Abanca en Salvaterra de Miño (Nós Diario)

Cando aínda temos na memoria colectiva galega prácticas abusivas das entidades financeiras, como foi do calote das participacións de preferentes, este ano, e de modo sorpresivo en medio da pandemia, Abanca comeza a cobrar elevadas comisións á súa clientela. Se os custos de contar cunha libreta eran desde 2017 de entre 30 euros/ semestre até 40 euros/semestre (segundo os movementos que tivese) agora pasaría a ser, como tarifa xeral, de 50 euros/semestre. 

A maior parte das persoas afectadas por esta comisión decatáronse do seu cobro comprobando na súa libreta ou conta unha vez realizada a operación. Segundo explican a Nós Diario algunhas e algúns clientes da entidade bancaria que quixeron pedir explicacións nas oficinas recibiron por resposta que para non ter comisións debía domiciliar a nómina dun contrato de cando menos un ano de duración ou contratar unha tarxeta de crédito coa que facer un gasto mínimo de 2.000 euros ao ano.    

"O cobro deste tipo de comisións non é ilegal", explica a Nós Diario Manuel Pérez, presidente da Asociación de Consumidoras e Usuarias da Galiza (Acouga), "outra cousa é que sexan manifestamente abusivas", engade. Por este motivo desde esta entidade non teñen clara a posibilidade de presentar unha demanda no Instituto Galego de Consumo ou nos xulgados. Pérez indica que desde Abanca empregaron un sistema moi común nas entidades bancarias, que consiste en notificar calquera cambio a través de carta ordinaria e, se non hai ningún tipo de resposta por parte da clientela, entender que se está de acordo.

"O problema é a reputación que está a ter agora mesmo Abanca con este tema", indica Pérez. Tal e como fixeron cando trataron a problemática das cláusulas solo, agora desde Acouga pensan presentar reclamación conxunta aberta para que as persoas que o soliciten poidan recuperar o importe que se lles retivo en concepto de comisión.  "Temos aberta unha segunda vía que agora comezaremos para integrar todas as persoas afectadas que non sexan socias e outorgarnos un poder de representación para poder facer as xestións diante da entidade bancaria", explica.  

As redes sociais ferven en protesta polas comisións

Luís vive na cidade de Ourense e é un dos impulsores do grupo de Facebook que tenta reunir persoas afectadas para crear sinerxías e facilitar que se devolva o diñeiro. Explica a Nós Diario que lle cobraron 50 euros a sexta feira 19 de xuño e decatouse días despois por non ter operativa a aplicación de Abanca no seu terminal móbil. "Eu non recibín ningunha notificación", relata, "malia que na entidade  dixéronme que enviaron unha carta por correo postal o día 26 de marzo, mais á casa non chegou ningunha", engade. Nun primeiro momento  a súa reacción foi de "enfado" e "impotencia". Sinala que cando foi á súa sucursal explicáranlle que "mudaran as condicións para ter cero comisións" e que había "novas condicións".

Non quere ter que adaptarse "a unhas novas condicións que o día de mañá poidan cambiarme sen previo aviso". Considera que polas redes sociais a xente afectada sabe que "hai que reclamar" mais "non toda pode facelo" polo que seguirán difundindo información e convocatorias. No inicio do grupo de Facebook tamén estaba Sabela que relata a Nós Diario o seu caso. "Díxome miña nai que miña irmá e meu cuñado, con tres contas en Abanca, cobráranlles 50 euros en cada unha delas e que mirara se me cobraran a min tamén", explica, "e  efectivamente, cobráronme 50 euros na miña e 46,2 euros   na da miña parella", engade. Asegura que levaba moitos anos en Abanca "por ser galega, mais agora penso marchar".

As denuncias nas redes sociais chegaron hai unha semana tamén a unha plataforma de petición de sinaturas contra o que consideran "comisións abusivas". A canguesa Yolanda López foi a artífice desta iniciativa que conseguiu, ao feche desta edición, máis de 17.000 apoios. 

Abanca aumenta os beneficios aproveitando a súa implantación na Galiza

Abanca atopou a maneira de facer caixa en tempos de pandemia. O negocio de comprar Novagalicia Banco, antes Novacaixagalicia, a entidade resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova por pouco máis de 1.000 millóns de euros, saíulle rendíbel ao banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet e unha ruína para as Administracións, que tiveron que achegar, segundo algúns estudos, 30.000 millóns de euros. A operación, bendicida polo actual presidente e candidato á reelección Alberto Núñez Feixóo, deixou milleiros de clientes sen posibilidade de elección pola cantidade de oficinas no noso rural. O cobro de comisóns choca co seu  bo momento financeiro. Abanca fechou 2019 cun beneficio neto de 405 millóns de euros, 6,7% máis que en 2018.  

Comentarios