A fusión de Caixabank e Bankia marca o camiño da concentración bancaria

Bankia e Caixabank anuncian a súa intención de fusionar os seus negocios, o que suporía a creación da primeira entidade do Estado español por volume de activos. Mais detrás da operación está a imperiosa necesidade do sector de gañar en eficiencia, o que anticipa máis movementos de concentración.
Sedes de Caixabank e Bankia
photo_camera Sedes de Caixabank e Bankia

O anuncio da fusión entre Caixabank e Bankia marca para moitas analistas o inicio da segunda vaga do baile de integracións bancarias, tanto no Estado español como en Europa. Nese escenario, Abanca, polas súas cifras, está chamada a ser un convidado de pedra, un doce moi apetecíbel para entidades de maior tamaño. 

A fusión de Bankia e Caixabank, aínda con moito percorrido por diante, suporá a creación da primeira entidade do Estado español por volume de activos, con 664.000 millóns de euros (datos do segundo trimestre de 2020), preto de 6.600 oficinas e un cadro de persoal conformado por máis de 51.000 persoas. As principais sinerxías daranse en territorios como Catalunya, Madrid, País Valenciá, Murcia e os arquipélagos, onde ambas as entidades teñen unha forte presenza comercial.

O Estado español xoga un papel chave nesta operación, pois controla a través do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) 61,8% dos títulos da entidade que preside Ignacio Goirigolzarri. Esta participación responde ao rescate que en 2012 fixo á entidade o Goberno de Mariano Raxoi con axuda da Unión Europea e que, sumando a integración de Banco Mare Nostrum, supera os 24.000 millóns de euros. Desa cantidade, o Estado español (e os contribuíntes por extensión) só recuperou uns 3.300 millóns pola venda de participacións e os dividendos xerados pola entidade.

As estimacións realizadas por persoas expertas sitúan a porcentaxe estatal na entidade fusionada en 14%, sendo o segundo maior accionista por detrás da Fundación Bancaria La Caixa, que quedaría cunha participación próxima a 30%. A sede quedaría en Valencia.

Continúa o baile

Nas últimas semanas, foron varios os organismos, entre eles os bancos centrais, que falaron da necesidade de impulsar movementos de concentración no sector bancario europeo para favorecer economías de escala e, con iso, incrementar a mellora da eficiencia operativa das entidades. 

Factores como as políticas monetarias expansivas, os baixos tipos de interese, o euribor (índice de referencia para o cálculo dos intereses das hipotecas) en negativo desde hai anos, e as novas vías de financiamento pasan factura á banca europea e en especial á española, á que non se lle quere deixar caer polas consecuencias que isto tería nunha economía xa moi castigada pola crise financeira e, agora, polas consecuencias derivadas da pandemia da Covid-19. 

O escenario de baixos tipos de interese chegou para quedar, cando menos algún ano máis. Isto vai provocar que a rendibilidade das entidades bancarias siga a verse penalizada. O ex ministro Luis de Guindos, agora vicepresidente do Banco Central Europeo (BCE), apuntaba esta mesma semana á "urxencia" de reactivar as concentracións no sector bancario á vista de que as analistas do BCE auguraban unha rendibilidade de 2% para as entidades este mesmo ano pola caída de ingresos e as provisións para facer fronte aos impactos da Covid-19, e de 3% para 2021. 

O papel de Abanca

Neste escenario, Abanca emerxe como un dos obxectivos máis apetecíbeis para os grandes bancos. Caixabank xa intentara facerse coa entidade resultante da fusión das antigas caixas de aforro en 2012, e o nome de Bankia tamén apareceu nas quinielas, sobre todo polo feito de ser unha entidade con pouca presenza comercial na Galiza.

Nos últimos meses, a entidade presidida por Juan Carlos Escotet, cunha cota de mercado incontestábel na Galiza e beneficiaria da gran capacidade de aforro da súa clientela galega, levou a cabo varias operacións de compra co gallo de gañar peso e non ser unha presa fácil. Quere ser cazador e non cazado. 

No panorama bancario español aínda quedan moitos bancos medianos, entre eles Abanca, mais tamén pequenos, que poden ser obxectivos da entidade galega, cunha marxe de capital que lle permite afrontar con garantías moitas destas operacións. Máis tamén quedan actores principais, como pode ser o caso do BBVA, unha empresa que non oculta o seu interese por seguir medrando e que ten no mercado galego un dos seus campos de crecemento. 

O que está claro é que a banca española non pasa polo seu mellor momento. Ten difícil cumprir cos criterios de eficiencia e solvencia que marca o BCE, o que anticipa un baile no que ao final van quedar só uns poucos. As entidades medianas, como Abanca, terán que loitar se queren manter a súa independencia. Á vista da situación, non será unha tarefa sinxela.

Comentarios