A Autoridade Portuaria de Vigo exixe a "restitución do dano xerado" á terminal

'National Geographic' retirou o vídeo acusatorio contra o porto olívico
Porto de Vigo (Foto: Europa Press).
photo_camera Porto de Vigo (Foto: Europa Press).

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, que criticara un vídeo de National Geographic por atacar "Vigo, ao sector pesqueiro e a un porto que loitou desde hai anos contra as prácticas ilegais" e que pedira a súa retirada, mostrouse esta cuarta feira satisfeito unha vez que o medio de comunicación global National Geographic retirou da súa web a peza audiovisual na que acusaba o Porto de Vigo de ser a maior terminal de entrada de pesca ilegal do mundo.

A curtametraxe tratábase do tráiler dun futuro capítulo da serie televisiva Tráfico Ilegal con Mariana Van Zeller no que o medio de comunicación expón a terminal olívica como un punto de entrada de toneladas de peixe ilegal ao continente europeo.

Botana felicitouse desta decisión de National Geographic, xa que era a primeira medida que se exixía desde a Autoridade Portuaria. Porén, "iso non significa que estea fechado este episodio. O dano xerado na nosa imaxe de marca ten que ser restituído", engadiu nun comunicado remitido aos medios.

"Isto é só a punta do iceberg a unha serie de presións que vén recibindo o sector da pesca en xeral. O porto pesqueiro de Vigo, debido ao seu bo facer, ten unha gran visibilidade e por iso se converte no albo destes ataques. Non debemos relaxarnos e seguiremos vixiantes. Ademais de continuar na defensa acérrima da pesca legal e do noso porto", reivindicou o representante da Autoridade Portuaria de Vigo.

Tras a publicación do vídeo a semana pasada, a polémica estaba servida. Por iso, a Autoridade Portuaria anunciou esta segunda feira accións legais contra National Geographic ante os "ataques gratuítos, inxustificados e infundados" que o medio arremeteu contra a entidade.

"Gran desprestixio"

Botana explicou que a eliminación do vídeo non supón a retirada do capítulo. "Desde a Autoridade Portuaria de Vigo o que solicitamos é a rectificación dunhas declaracións e dun titular falso e calumnioso", sinalou.

"As manifestacións que se realizan no vídeo faltan á verdade e xeran un gran descrédito e desprestixio", sentenciou, asegurando que National Geographic non se puxo en contacto co Porto de Vigo polo momento.

A pasada segunda feira, o presidente do porto olívico defendeu que na terminal viguesa contrólase 100% da pesca conxelada que chega nos buques, "moi por encima" da porcentaxe de 5% ou 6% que se controla  noutros portos europeos.

"É moi difícil que entre peixe ilegal cun control do 100%", subliñou Carlos Botana, despois de que no vídeo se avanzasen conversas con pescadores xubilados indicando que se introducía peixe ilegal por Vigo e se lembrase que a Galiza foi historicamente porta de entrada a Europa de mercadoría ilícita, nomeando directamente as drogas.

A Autoridade Portuaria enviou un requirimento a National Geographic urxindo a retirada do vídeo e a corrección do mesmo, ademais de solicitando que non se publicase o capítulo completo anunciado. Finalmente, o vídeo foi retirado da web do medio de comunicación, mais aínda pende no aire a posíbel publicación do capítulo da serie televisiva Tráfico Ilegal con Mariana Van Zeller sobre o Porto de Vigo.

As confrarías amosan a súa indignación con 'National Geographic'

O presidente da Federación Estatal de Confrarías, Basilio Otero, afirma a Nós Diario sentirse "indignado". Para el, non basta coa simple retirada deste vídeo, senón que National Geographic "debería emitir unha desculpa". 

"O tratamento que se lle deu á pesca galega non é razoábel, cando está demostrado que somos as pesqueiras con máis inspeccións do mundo", explica. "Non entendo que un medio de prestixio se preste a emitir isto", culmina Otero.

Comentarios