'National Geographic' retira o vídeo no que sinalaba o Porto de Vigo como o de "maior pesca ilegal"

Non aclara, porén, se corrixirá ou suprimirá o documental.
Porto de Vigo (Foto: Europa Press).
photo_camera Porto de Vigo. (Foto: Europa Press)

A organización internacional sobre educación e ciencia e canle de televisión National Geographic vén de retirar da súa web o vídeo que cualificaba o Porto de Vigo como o de "maior entrada de pesca ilegal" de toda Europa. Na curtametraxe, que se trataba do avance dun futuro documental que estaba a preparar, falábase da terminal olívica como punto de entrada de "toneladas" de peixe ilegal cara ao resto do continente.

Tras a súa publicación a semana pasada, a polémica estaba servida. Desde a Autoridade Portuaria anunciaron esta segunda feira que tomarían acciones legais contra National Geographic diante do que consideraban "ataques gratuítos, inxustificados e infundados" que a organización arremeteu contra o Porto.

O presidente deste organismo, Carlos Botana, criticou o vídeo por "atacar Vigo, o sector pesqueiro e un porto que loitou desde hai anos contra as prácticas ilegais". Tamén exixiu a súa retirada, unha solicitude que esta cuarta feira foi finalmente atendida.

Segundo reivindicou Botana en rolda de prensa, na terminal viguesa contrólase o 100% da pesca conxelada que chega nos buques, "moi por riba" das porcentaxes de 5% ou 6% que se controla noutros portos europeos, salientou.

"É moi difícil que entre peixe ilegal cun control de 100%", subliñou Carlos Botana, despois de que no vídeo se avanzasen conversacións con pescadores xa xubilados indicando que se introducía peixe ilegal por Vigo e lembrando que Galiza sempre foi porta de entrada a Europa de mercadoría ilícita, nomeando directamente as drogas.

A Autoridade Portuaria enviou un requirimento a National Geographic urxindo a retirada do vídeo e a corrección do mesmo, alén de solicitar que non se publicase o documental completo. Finalmente, o vídeo foi retirado da web desta entidade, que, con todo, non aclarou se corrixirá ou suprimirá o documental.

Comentarios