A Autoridade Portuaria de Vigo desmente as acusacións de pesca ilegal e irá á Xustiza

O vigués foi cualificado como "o maior porto de pesca ilegal de Europa".
Mariana van Zeller lidera a serie de 'National Geographic' que verteu duras acusacións contra o porto de Vigo e a pesca galega (Foto: National Geographic).
photo_camera Mariana van Zeller lidera a serie de 'National Geographic' que verteu duras acusacións contra o porto de Vigo e a pesca galega (Foto: National Geographic).

A Autoridade Portuaria de Vigo anunciou esta segunda feira accións legais contra National Geographic ante os "ataques gratuítos, inxustificados e infundados" cos que o medio de comunicación arremeteu contra o porto. Todo isto despois da publicación nos últimos días dun vídeo no que o organismo anuncia un futuro documental sobre "o maior porto de pesca ilegal de Europa" centrándose no Porto de Vigo.

Trátase dun capítulo da serie televisiva Tráfico Ilegal con Mariana Van Zeller. Ao respecto, o economista especializado en Pesca Gonzalo Rodríguez, en conversa con Nós Diario, opina que "non é unha peza xornalística, senón de sensacionalismo, na que se observa un proceso absolutamente nesgado para chegar a un resultado predeterminado".

No vídeo publicado por National Geographic realízanse afirmacións como que "calquera dos centos de especies á venda [no Porto de Vigo] poderían ter sido transferidas desde un barco de pesca ilegal a un coa documentación en orde para que así o cargamento parécese lexítimo".

"A Galiza sempre foi un portal para o contrabando en Europa, estiveron involucrados non só no tráfico de peixe, senón de drogas ou tabaco, ademais doutros produtos ilegais tamén", asevera un representante da entidade ecoloxista Sea Shepherd no vídeo, que se refire aos donos dos buques como "a mafia galega". Finalmente, no vídeo tamén se adianta unha conversa cun mariñeiro galego retirado que recoñece ter participado na pesca ilegal.

"Que en Vigo hai pesca ilegal é unha asunción, non hai ningunha evidencia", sentencia Gonzalo Rodríguez. "Elíxese Sea Shepherd cando hai un elevado número de entidades ecoloxistas que poden dar unha opinión ponderada. Porén, a escollida é unha entidade cunhas amizades bastante dubidosas en ditaduras africanas e que avoga pola completa desaparición da pesca e por calquera fin que contribúa ao seu obxectivo", afirma.

Ademais, sinala o economista, "constrúese un argumento a partir dun caso singular e xeneralízase a toda a sociedade, xa que o feito de que haxa un mariñeiro que participase nun acto ilegal serve para ilustrar que Vigo é o principal porto de entrada de pesca ilegal do mundo".

Por outra parte, denuncia Rodríguez, "asumen un argumento supremacista, que aquí se fai pesca ilegal porque antes traficabamos con tabaco e con droga, dando a entender que temos un xene do contrabando ou unha natureza propensa ao tráfico ilegal". Porén, sinala, "é curioso, porque actualmente os dous principais portos de entrada de droga en Europa hai tempo que non están nas Rías Baixas senón en Antwerp [Bélxica] e Rotterdam [Países Baixos], segundo publicou The Economist".

"En Vigo pode entrar pesca ilegal ao igual que en calquera outro porto do mundo, igual que tamén se paga en negro ou hai actividades ilegais en calquera lugar", explica. Non obstante, engade Rodríguez, "hai un estudo do Consello de Contas da  Unión Europea que analizou [en 2022] o esforzo en protección contra a pesca ilegal na contorna comunitaria. E resultou que o Estado que máis robustas, decididas e amplas medidas para previr a pesca ilegal leva a cabo e que ten un marco institucional máis desenvolto é o español".

"Contrólase 100% da pesca conxelada que chega nos buques"

Nunha rolda de prensa convocada de urxencia nesta segunda feira, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, criticou o que considerou un "ataque gratuíto, inxustificado e infundado" ao sector pesqueiro e cara a un porto que "loitou desde hai anos contra as prácticas ilegais".

Ademais, a Autoridade Portuaria de Vigo lembrou que a Axencia Europea do Control da Pesca (EFCA) ten a súa sede en Vigo. Segundo reivindicou, na terminal olívica "contrólase 100% da pesca conxelada que chega nos buques, moi por encima das porcentaxes de 5% ou 6% que se controlan noutros portos europeos".

Por iso, desde a Autoridade Portuaria xa se enviou un requirimento a National Geographic urxindo a retirada do vídeo e a corrección do mesmo. Tamén solicita que non se publique a peza documental completa.

Comentarios