A Audiencia Nacional aproba a extradición a México do ex director xeral de Pemex

Está reclamado por asociación ilícita, suborno e branqueo de capitais en dúas causas distintas.

En 2013 e 2013 Emilio Lozoya, ex presidente de Pemex, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mantiveron dous encontros (Imaxe: Europa Press)
photo_camera En 2013 e 2013 Emilio Lozoya, ex presidente de Pemex, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mantiveron dous encontros (Imaxe: Europa Press)

A Audiencia Nacional acordou a extradición a México do  ex director xeral da petroleira  Pemex Emilio Lozoya para ser xulgado en dúas causas por delitos que no seu país constituirían asociación ilícita, suborno e operacións con recurso de procedencia ilícita e que na lexislación española corresponden a asociación ilícita, suborno e branqueo de capitais.

Nun auto, os maxistrados da Sección Segunda da Sala do Penal consideran, tras examinar o procedemento, que se cumpren todos os requisitos establecidos na lexislación para proceder á entrega e lembran que  Lozoya -impulsor tamén da compra do estaleiro vigués Barreiras por parte da petroleira mexicana- presentou un escrito o pasado 29 de xuño no que aceptou ser extraditado ao seu país e renunciou ao principio de especialidade (a prohibición de ser perseguido por feitos distintos dos que motivaron a solicitude de extradición).

Estaleiro Barreras

En setembro de 2012,  Pemex e a Xunta anunciaban a firma dos contratos para a construción de dúas  floteles (un en Barreras e outro en Navantia-Ferrol) e, algo máis dun ano despois, a proposta de Emilio  Lozoya, o Consello de Administración de  PMI (filial da petroleira mexicana) aprobou a compra do 51%  das accións do estaleiro vigués por 5,1 millóns de euros.

Esta compra, apadriñada polo presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (en cuxa axenda pública figuraron encontros con  Lozoya en 2013 e 2014), escenificouse en decembro de 2013, nunha visita de mandatarios da empresa mexicana a Vigo. Nesa visita, anunciáronse varios contratos máis, que nunca chegaron a facerse realidade (un  atuneiro, tres 'buques-tanque' e outras tres unidades que tampouco se concretaron).

Comentarios