A extradición de Lozoya reflota o fracaso do 'plan Pemex'

A inminente extradición a México do ex director xeral de Pemex, Emilio Lozoya, impulsa un proceso xudicial no que se avaliarán os distintos proxectos levados a cabo pola petroleira mexicana, entre eles a compra do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras, que permitiu realizar a promesa feita ás portas da súa reelección en 2012.
Lozoya feixoo 4 (Xunta)
photo_camera Lozoya feixoo 4 (Xunta)

En maio de 2012, un exultante Feixoo anunciaba un principio de acordo coa petroleira mexicana Pemex que permitiría salvar o sector naval galego, afogado pola ausencia de proxectos. 

Falábase entón dunha frota de remolcadores, un investimento de 310 millóns de euros e 2,6 millóns de horas de traballo nos estaleiros galegos que garantían o mantemento de 2.500 postos de traballo no sector. Ademais, Feixoo anticipaba que a petroleira estaba a estudar a súa posíbel implantación no porto exterior da Coruña, que sería a súa base de operacións en Europa.

Na foto, os protagonistas eran o propio presidente da Xunta e o director xeral de Pemex naquela época, Juan José Suárez Coppel,  investigado en México pola compra da compañía de fertilizantes Agro Nitrogenados, os mesmos que catro meses máis tarde, en plena precampaña electoral, anunciarían a construción de dous floteis nos estaleiros de Navantia Ferrol e Barreras, en Vigo, que non serían adxudicatos até 2014.

Pero un cambio presidencial en México mudou os protagonistas da historia. En decembro de 2012, Emilio Lozoya tomaba o relevo de Suárez Coppel como director xeral de Pemex. Entón, as encargas, cuxos contratos a Xunta se negaba a amosar aludindo á súa confidencialidade, non estaban aínda garantidas.

O propio Feixoo viaxaría en abril de 2013 a México para facer seguemento da "alianza estratéxica" ─que non contratos─ da Xunta con Pemex. Alí foi recibido, entre outros, polo propio Lozoya, que só un mes despois anunciaba a compra de 51% do estaleiro Hijos de J. Barreras, unha operación valorada en 5,1 millóns de euros coa que a petroleira esquivaba a obriga de someter a encarga dos floteis a un concurso público aberto.

Baixo sospeita

Esa operación, a da compra de Barreras por parte de Pemex, é unha das que investiga a Fiscalía mexicana, e un dos motivos polos que o Ministerio Público do país azteca solicitou a extradición de Emilio Lozoya, detido o pasado mes febreiro en Málaga.

Lozoya, que vén de acatar a orde de extradición ditada por México, foi quen materializou todas as promesas que fixo Feixoo nos meses previos á súa reelección en 2012, mais o presidente da Xunta atribúe todos os méritos a Suárez Coppel, e remite ás fotos de 2012 para evitar dar máis explicacións. 

De feito, o propio Feixoo declinou comparecer no Parlamento após coñecerse a nova da detención de Lozoya. "Está documentado en todas as hemerotecas e foi Suárez Coppel quen firmou comigo dous floteis", insistía  Feixoo na súa defensa. Tamén argumentaba que as investigacións sobre Lozoya xiraban ao redor de "algo relacionado con Brasil, no con Galiza", máis desde o país azteca emerxía o seu nome na prensa, xunto co da súa asesora Mar Sánchez Sierra. 

Agora, coa comparecencia ante o xuíz de Emilio Lozoya, a Fiscalía tratará de demostrar as supostas irregularidades nunha operación, a da compra de Barreiras, que, gústelle ou non a Feixoo, foi a que permitiu que os floteis se construísen finalmente na Galiza e as súas promesas preelectorais non quedasen tan só en fume. 

Comentarios