Unha corentena de aeroxeradores a 30 quilómetros da costa mariñá: así é o parque eólico mariño Ventus

A proposta da sociedade cordobesa Abei Energy emprázase na mesma área prioritaria para a eólica mariña que o parque eólico Celta I, de Ferrovial, e moi perto das iniciativas de Iberdrola —San Brandán e San Cibrao— e mais o Grupo Cobra —Galwind—.
Área de implantación do parque eólico mariño Ventus. (Infografía: Abei Energy)
photo_camera Área de implantación do parque eólico mariño Ventus. (Infografía: Abei Energy)

Coa aprobación aínda pendente dos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM), as augas galegas son xa o epicentro dos proxectos de eólica mariña tramitados no Estado con nove propostas que suman unha potencia de 5.805 megawatts (MW), o dobre do obxectivo marcado a nivel estatal na Folla de ruta de cara a 2030 —entre 1.000 e 3.000 MW—. A última compañía enerxética en sumarse á poxa polo Atlántico foi a cordobesa —inscrita no Rexistro Mercantil de Madrid— Abei Energy & Infrastructure S.L., encabezada polo empresario José Antonio Valle Fernández como administrador único.

A mediados de decembro rexistrouse a proposta denominada Ventus perante o Ministerio para a Transición Ecóloxica e agora o portal de transparencia vén de recoller a documentación inicial deste proxecto, que prevé erguer 40 aeroxeradores do modelo Vestas V236-15, cunha potencia nominal de 15 MW, polo que o parque eólico contaría en total con 600 MW instalados. As máquinas, que ocuparían unha superficie de 127 km2, alcanzan os 260 metros sobre o nivel do mar.

Estas instalacións emprazaríanse na zona de uso prioritario para a eólica mariña NOR-5, disposta no borrador do POEM e pendente aínda da ratificación do documento, logo de ser reducida a súa extensión, canda a doutras destas áreas, na declaración ambiental estratéxica deste plan publicada o pasado decembro no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Nesta mesma demarcación marítima, situada fronte á costa da Mariña, proxéctase tamén o parque eólico Celta I, de Ferrovial, que constaría de 33 muíños e unha potencia total de 495 MW. E próximos a este territorio tramitan as súas respectivas propostas o Grupo Cobra —parque Galwind, 68 turbinas e 1.000 MW— e Iberdrola —San Cibrao e San Brandán, 35 máquinas e 490 MW cada un—.

O porto de San Cibrao (Cervo) ficaría a uns 30 quilómetros do parque eólico mariño, namentres o de Burela quedaría a 34 km e o de Celeiro (Viveiro), a 38 km, mais a franxa costeira máis próxima situaríase a 20 km. Diferentes estudos apuntan que unhas turbinas eólicas das dimensións das que conformarían o parque Ventus son perceptíbeis a unha distancia de até 40 quilómetros.

A compañía, pola súa parte, apunta que o impacto visual será baixo, pois o propio POEM describe a área NOR-5 como unha das de "menor afección visual". "A súa visualización será posíbel desde puntos afastados varios quilómetros. Con todo, os puntos turísticos localízanse a máis de 25 km da zona de implantación, polo que a percepción será de menores proporcións", afirma a compañía.

Na área de estudo do parque eólico mariño Ventus atópanse 22 caladoiros pesqueiros, coa pescada como a especie máis capturada neste territorio. As confrarías de Celeiro, San Cibrao, Burela e Foz veríanse afectadas por estas instalacións, segundo admite Abei Energy na documentación achegada ao Ministerio. Atópase, aliás, nun espazo cun tráfico marítimo "relativamente alto".

"O parque eólico non interfere amplamente coa actividade pesqueira, deseñándose a implantación e os tramos de cableado fóra de zonas de caladoiros e fondeadoiros identificadas no marco deste traballo. Con todo, atópase nunha zona onde existe actividade pesqueira segundo os datos de esforzo analizados", conclúe a empresa promotora.

Aliás, neste mesmo emprazamento están presentes até 21 especies de vexetación, 49 de fauna terrestre e mariña e 80 aves ameazadas, algunhas delas en perigo de extinción, como o alcaraván común (Burhinus oedicnemus) ou o mexillón de río (Margaritifera margaritifera). Porén, o desenvolvemento do parque eólico "non interfire coa presenza de hábitats sensíbeis nin espazos naturais protexidos", apuntan desde Abei Energy.

Comentarios