MAPA

As grandes eléctricas puxan polo mar galego: así son os nove parques eólicos proxectados no país

Iberdrola, Capital Energy, Ferrovial, Grupo Cobra, BlueFloat e Abei Energy lánzanse á conquista das augas galegas nunha carreira pola eólica mariña iniciada antes mesmo de dispor do regulamento definitivo. Os nove parques eólicos que se están a tramitar suman unha potencia de 5,8 XW e representan catro de cada dez dos proxectados no conxunto do Estado español, contando coa instalación de case 400 aeroxeradores. O sector pesqueiro olla con atención o temperán desenvolvemento dunha industria boiante que pode pór en risco a súa actividade.
Emprazamento dos nove parques eólicos tramitados en augas galegas. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Emprazamento dos nove parques eólicos tramitados en augas galegas. (Infografía: Nós Diario)

Como no vello conto da leiteira e as súas cábalas para enriquecerse a conta dunha xerra de leite que aínda non vendera, as grandes firmas do sector enerxético lanzáronse ao longo do último ano e medio á conquista do Atlántico galego antes mesmo de se definiren as zonas delimitadas para a eólica mariña perante os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM), cuxa aprobación está máis perto após recibir este mesmo mes o visto bo ambiental. Iberdrola foi a primeira en puxar por un anaco dun pastel aínda intanxíbel con dous proxectos rexistrados no Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) no verán de 2021, denominados San Cibrao e San Brandán.

Trátase de dous parques eólicos de idénticas características, que constarían de 35 aeroxeradores de 230 metros de diámetro de rotor situados a 138 metros sobre o nivel do mar —dimensións moi semellantes ás propostas nos demais proxectos eólicos—, cunha potencia total instalada de 490 megawatts (MW) en cada un dos casos.

O parque San Cibrao ocuparía unha área de case 130 quilómetros cadrados a unha distancia de 13,5 km da costa comprendida entre Cabo Ortegal e Estaca de Bares. E os aeroxeradores de San Brandán situaríanse nun espazo moi próximo, ao oeste de Ortegal, cunha distancia duns 12 km de terra firme. A compañía asegurou recentemente que as instalacións serán practicamente imperceptíbeis desde a liña de costa, se ben diferentes estudos apuntan que os muíños destas dimensións poden chegar a apreciarse ao lonxe mesmo a máis de 30 km de distancia.

Algo máis afastados da costa pero lindeiros coa superficie ocupada polos dous parques proxectos por Iberdrola ficarían os 68 aeroxeradores de Galwind, a aposta do Grupo Cobra. Este proxecto prevé unha potencia total instalada de 1 xigawatt (XW) e abrangue até 170 km2 de terreo marítimo.

A proposta de maior envergadura das rexistradas até o de agora é a promovida froito da alianza empresarial entre BlueFloat Energy e Sener fronte á costa ártabra, a uns 30 quilómetros en liña recta de Ferrol e a 60 da cidade da Coruña. É o denominado parque eólico Nordés, que constaría de 80 turbinas e unha potencia de 1,2 XW. O proxecto, porén, desenvolveríase en dúas fases, previndo para a primeira a despregadura de 35 muíños cun total de 525 MW.

O xigante do sector das infraestruturas Ferrovial lanzouse tamén á carreira pola eólica mariña da Galiza con senllos parques eólicos situados  en cada un dos extremos costeiros do país: Celta I e Celta II. O primeiro, composto por 33 aeroxeradores (495 MW), pugnaría con Cobra e Iberdrola polas augas próximas á Mariña, máis ao leste, namentres o segundo, de 34 máquinas (510 MW), emprazaríase nas Rías Baixas, a 40 km das illas Cíes e a 25 km da Guarda.

Impacto sobre a pesca

Este proxecto, canda Volanteiro, unha iniciativa de Capital Energy que valora instalar a escasa distancia 34 aeroxeradores eólicos (510 MW), batería cos intereses da pesca, pois na contorna de ambos os parques áchanse máis dunha vintena de caladoiros, con "posíbeis impactos asociados á alteración do fondo mariño", segundo a documentación achegada ao Miteco relativa ás dúas iniciativas. O mesmo acontecería cos muíños do norte, pois no caso do parque Galwind, por exemplo, veríanse afectados até 30 bancos de pesca, por volta de 24 no caso de San Cibrao.

Se ben na proposta do POEM autorizada por Medio Ambiente recorta as zonas designadas inicialmente para a eólica mariña, desde o sector pesqueiro alertan de que o mapa actual segue a afectar máis dun cento de caladoiros da Galiza. Á espera aínda de se aprobar a ordenación definitiva do espazo marítimo, as confrarías emprazan o Goberno español a corrixir o máximo posíbel os impactos das enerxías do mar sobre a actividade pesqueira.

Dúas novas propostas

Completan a relación de parques eólicos mariños en augas galegas os denominados Breogán e Ventus, que iniciaron nas últimas semanas a tramitación e dos que aínda non se coñecen os detalles. Si sabemos, porén, que o primeiro é unha iniciativa de Capital Energy fronte ás costas da Mariña e Ortegal, cunha potencia prevista de 510 MW, namentres o segundo impúlsao a firma cordobesa Abei Energy tamén en territorio mariñán, con 600 MW.

Previsibelmente, e tendo en conta as características técnicas dos outros sete proxectos presentados, o parque Breogán contaría con 34 aeroxeradores, por volta dos 40 que conformarían Ventus. Deste modo, os muíños previstos na Galiza ascenderían en conxunto a 393, cunha potencia total de 5.805 MW, case dous xigawatts máis que os xa instalados na actualidade de eólica terrestre (3.897 MW), segundo o último balance da patronal galega.

Representa, aliás, 42% da potencia tramitada polo Miteco a nivel estatal (13,8 XW). No caso de se aprobaren estes nove proxectos, as augas galegas concentrarían máis potencia (5,8 XW) da prevista en todo o Estado de cara a 2030, entre 1 e 3 XW, segundo a Folla de ruta da eólica mariña. A batalla das grandes firmas enerxéticas polo mar galego xa comezou e o seu desenlace resulta aínda incerto.

Comentarios