As inmobiliarias prevén unha suba dos prezos de compravenda e aluguer

Unha enquisa publicada polo portal inmobiliario Idealista apunta a unha tendencia ascendente nos prezos de cara aos vindeiros meses.
A vivenda de nova construción escasea na Galiza, mentres aumenta noutros puntos do Estado. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo dun bloque de vivendas en construción (Foto: Alberto Ortega/Europa Press).

As axencias inmobiliarias estiman para 2022 unha suba dos prezos da vivenda, tanto en compravenda como en réxime de aluguer, e unha tendencia de recuperación do sector, alén dun mantemento estábel das operacións, segundo os datos da Enquisa de Sensibilidade Inmobiliaria (ESI) elaborada polo portal Idealista.

Os índices da ESI sitúanse por riba da media rexistrada antes da pandemia. As inmobiliarias consultadas para esta enquisa manifestan maiores expectativas no aumento dos prezos da vivenda, aínda que ao mesmo tempo observan unha certa retardación, tanto na compravenda como no aluguer, tras as repuntas de 2021.

O Índice de Confianza en Aluguer de ESI fica no primeiro trimestre de 2022 nos 58,7 puntos, cinco décimas máis que no trimestre anterior. Esa cifra supón, aliás, un punto porcentual máis que no mesmo período de 2020, antes da pandemia, e case 12 puntos máis que no primeiro trimestre de 2021. E o Índice de Confianza en Venda posiciónase nos 61,2 puntos para o primeiro trimestre do ano. Neste caso, sitúase case 12 puntos máis que hai un ano e até sete puntos máis que en 2020.

Suba de prezos nos vindeiros meses

Con base neste informe, 88% das inmobiliarias sostén que os prezos de venda ou as rendas do aluguer encareceranse nos vindeiros meses nas súas zonas de traballo. Só 12% estima unha baixada nos prezos. No caso concreto do aluguer, as rendas aumentarán ou se manterán, segundo 85% das respostas, mentres que para 15% das imobiliarias enquisadas os alugueiros axustaranse á oferta e a demanda.

No que atinxe ao fechamento de operacións, 45% afirma que venderá máis casas e 39% di que manterá a mesma actividade que o trimestre anterior. As expectativas son menos favorábeis para un 14% que respondeu que venderá menos vivendas. As previsións tamén son positivas no caso do aluguer. Así, 38% das axencias espera alugar máis pisos no próximo trimestre, fronte a 36% que prevé manter o mesmo número de operacións. Un 16% afirma que reducirá a súa actividade de arrendamentos.

Aínda que as inmobiliarias manteñen perspectivas semellantes en canto aos prezos, a súa opinión varía no relativo á captación de vivendas. Un 52% confía en captar máis vivendas para a súa venda fronte a outro 12% que estima que a súa captación caerá no arranque de 2022.

A mesma situación dáse no caso do aluguer. Mentres 41% das inmobiliarias prevé máis actividade para o comezo de 2022, un 17% afirma que a súa previsión é menos captación de pisos para arrendamento.

Comentarios