xoves 27/01/22

Sobe o custo da vida: o IPC aumenta na Galiza por riba da media estatal

Segundo os datos que vén de publicar o INE, o Índice de prezos de consumo medrou oito décimas na taxa anual galega ao remate de 2021.
Un supermercado galego (Foto: Carlos Castro/Europa Press).
Un supermercado galego (Foto: Carlos Castro/Europa Press).

O índice de prezos de consumo (IPC) medrou oito décimas a súa taxa anual na Galiza ao remate de 2021, até 6,7%, co que se sitúa dúas décimas por riba da media estatal, segundo os datos que publica esta sexta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Tal como indicou o INE, a taxa anual do IPC aumentou en decembro a respecto de novembro en todos os territorios, situándose a Galiza entre os que rexistran un menor incremento, do mesmo modo que Balears e Catalunya.

Por grupos, o que contabiliza maior inflación en taxa anual na Galiza volve ser a vivenda (+27,1%), seguida do transporte (+10,8%), alimentos e bebidas non alcohólicas (+4,8%) e hoteis, cafés e restaurantes (+2,7%). Só comunicacións rexistrou un descenso en 2021 (-0,3%).

Pola súa parte, en variación intermensual, os prezos mantivéronse con menores variacións, a pesar de que a vivenda subiu 6,9% no país entre novembro e decembro e o vestido e o calzado baixou 2,5%.

A nivel estatal, o IPC subiu 1,2% en decembro en relación ao mes anterior e elevou a súa taxa interanual até 6,5%, un punto por riba da taxa de novembro e o seu nivel máis alto en 29 anos, debido o encarecemento da luz, dos alimentos e dos hoteis e restaurantes.

A taxa interanual do IPC rexistrada en decembro (6,5%) é dúas décimas inferior á avanzada a finais do mes pasado polo INE (6,7%). No caso da taxa mensual (1,2%), o dato definitivo é unha décima menor ao que adiantou Estatística (1,3%). Co dato interanual de decembro, o máis elevado desde maio de 1992, o IPC encadea a súa duodécima taxa positiva consecutiva e sitúa a inflación media de 2021 na contorna do 3%.

Segundo Estatística, no comportamento interanual do IPC destaca a suba dos prezos da electricidade, maior en decembro deste ano que en igual mes de 2020, e dos alimentos, especialmente dos legumes e hortalizas, do pan e os cereais e da carne.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Sobe o custo da vida: o IPC aumenta na Galiza por riba da media estatal
comentarios