Os prezos da vivenda na Galiza pisan o acelerador no terceiro trimestre do ano

Os prezos da vivenda libre rexistraron en outubro un incremento de 5,8% na Galiza, punto e medio máis que a media estatal. 
Os prezos da vivenda libre medraron na Galiza por riba da media estatal en outubro (Foto: M. Madriñán).
photo_camera Os prezos da vivenda libre medraron na Galiza por riba da media estatal en outubro (Foto: M. Madriñán).

Os prezos da vivenda volveron crecer con forza na Galiza no terceiro trimestre do ano. Fixérono 2,3 puntos en taxa anual respecto ao trimestre anterior, un incremento só superado polos da Rioxa (+2,8%) e Andalucía (2,4%), até situarse no 5,8% de subida, segundo os datos recollidos no Índice de Prezos da Vivenda (IPV) publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

As cifras de Galiza superan de largo a media estatal, que se apuntou no terceiro trimestre unha suba de nove décimas, até 4,2%, o que supón a maior variación desde o terceiro trimestre de 2019. 

O crecemento dos prezos da vivenda no país coincide co acumulado do ano, mentres que a variación trimestral situouse en 2,2%, unha décima por riba da media estatal (2,1%).

Ese 5,8% de crecemento rexistrado na Galiza no terceiro trimestre e no acumulado do ano representa un dos maiores valores entre os territorios do Estado español, só superado por territorios como Andalucía, os dous arquipélagos (Canarias e Balears), Cantabria e a cidade autónoma de Melilla.

Máis acusado nas vivendas de segunda man

Por tipoloxía de vivenda, as segunda man son as que experimentan un maior incremento dos prezos en taxa anual ─en relación ao mesmo período de 2020─, concretamente de 6,3%, unha alza só superada polas de Cantabria (7,6%), Canarias (7,3%) e Castela e León (6,9%) e dous puntos superior á do conxunto estatal (4,3%). 

A variación trimestral foi de 2%, fronte 1,9% da media, mentres que no acumulado do ano sitúase tamén en 5,8% ─coma no total da Galiza─ por 5,4% no global español.

Pola súa banda, os prezos da vivenda de nova construción rexistraron un alza trimestral de 3,3%, cinco décimas por riba da media de territorios do Estado (2,8%). No que vai de ano acumulan unha suba de 6%, a cuarta por detrás das de Aragón (6,5%), Canarias e Murcia (6,7%) e lonxe do 4,1%  que marca a media estatal. Con todo, en taxa interanual a suba queda limitada a 1,6%, mentres que no conxunto do Estado español ascende a 4,1%.

Aumentan as hipotecas

Este incremento dos prezos ten tamén o seu reflexo na concesión de préstamos hipotecarios na Galiza. Segundo os datos do Consello Xeral do Notariado do mes de outubro e difundidos no día de onte, no país formalizáronse un total de 1.019 prestamos hipotecarios para a adquisición de vivenda, tanto de segunda man como de nova construción, o que representa un aumento de 11,8% no número de operacións respecto ao mesmo mes de 2020.

O importe medio dos préstamos hipotecarios para a adquisición de vivenda situouse nos 110.606 euros, o que supón un incremento interanual de 7,5%, un valor que só está por encima do de outros cinco territorios, como son Extremadura, Murcia, Castela-A Mancha, A Rioxa e Castela e León. 

Segundo a estatística dos notarios, 42,2% das compras de vivendas realizadas na Galiza financiouse mediante hipoteca e a contía do préstamo representou  de media 72,8% do prezo total de adquisición. 

Comentarios