Redacción 18/xan./22 Seguinte chevron_right +Info SOCIAL As inmobiliarias prevén unha suba dos prezos de compravenda e aluguer de vivenda O Consello de Ministras aproba esta terza feira o novo bono de axuda ao aluguer, segundo anunciou na segunda feira o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez. O bono terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro, segundo confirmaron fontes do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma). Esta medida ten como finalidade favorecer a emancipación dos mozos e mozas e facilitar o alugueiro de vivendas. O Consello de Ministras tamén dará luz verde nesta xornada ao Plan Estatal de Vivenda e á Lei de Arquitectura e de Calidade da Vivenda. A partida para o bono novo do aluguer, de 200 millóns de euros, está prevista nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) de 2022. Quen pode solicitar o bono de aluguer? As persoas beneficiarias que poderán solicitar esta axuda son aquelas con entre 18 e 35 anos de idade, e cun contrato de traballo que non lle xere uns ingresos superioes aos 24.318,84 euros anuais. Esta contía corresponde a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), malia que o Executivo estuda subir ese limiar a catro veces o IPREM —32.415,12 euros—. Aliás, a moza ou mozo solicitante deberá estar empadronado no domicilio para cuxo arrendamento pide a subvención. Aplícase a todas as persoas conviventes nunha mesma vivenda? Non, o bono aplicarase a cada persoa moza e non a cada vivenda. O límite de ingresos calcúlase como renda de fogar: todas as persoas que residen habitualmente no piso que está arrendado, figuren ou non no contrato, serán tidas en conta. Porén, existe a posibilidade de regular algunhas excepcións. Cal é a contía do bono? As persoas ás que se lles conceda esta axuda percibirán un máximo de 250 euros mensuais, que deberán destinar obrigatoriamente ao pagamento do aluguer. Se unha persoa paga 200 euros de renda mensual, ese será o tope que poderá percibir. O Goberno estatal estima que este bono poderá beneficiar até 70.000 persoas no conxunto do Estado. Aliás, o custo máximo da renda mensual da vivenda non poderá superar os 600 euros, xa que o Goberno entende que se alguén pode pagar unha contía maior non é vulnerábel ante os prezos do aluguer. E que acontece se comparto piso? O decreto deixa en mans dos gobernos territoriais —neste caso, da Xunta da Galiza— regular as situacións nas que varias persoas solicitantes do bono compartan piso, polo que este suposto aínda non está resolto. É compatíbel con outras axudas? Malia que nun primeiro intre o Executivo estatal fechara a porta á compatibilidade desta subvención con outras ofrecidas polos gobernos territoriais, o decreto regula algúns casos nos que si sería posíbel compatibilizala. Así, poderá percibirse á vez que outras prestacións non contributivas á Seguridade Social. Tamén se pode compaxinar co Ingreso Mínimo Vital (IMV), e a Galiza podería habilitar un réxime especial para inquilinos e inquilinas especialmente vulnerábeis. Apoia Nós Diario Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas. SUBSCRÍBETE Etiqueta vivenda alugueiro Estado español Seguinte chevron_right
SOCIAL Viaxantes de fóra da UE poderán entrar no Estado español cun test Covid negativo Redacción 21/maio/22
SOCIAL O IES Johan Carballeira, primeira 'escola sen armarios' e libre de LGTBIfobia Susana Rois 21/maio/22
SOCIAL Álvaro Mena, médico internista: "A vacina da varíola protexe contra a do mono, mais non se dispensa desde 1980" Susana Rois 21/maio/22
SOCIAL O patrón do 'Vila de Pitanxo' declarará como investigado perante a Audiencia Nacional Redacción 20/maio/22
SOCIAL A Xunta admite problemas estruturais e na alimentación na residencia expedientada de Pazos de Borbén Y. C. 20/maio/22