sábado 29.02.2020

Alvedro liderou en xaneiro o crecemento dos aeroportos galegos

A terminal coruñesa gañou 15% de pasaxeiros no primeiro mes do ano, fronte 0,4% de Lavacolla. En Vigo descendeu 10,9%.
Aeroporto de Alvedro (Xoán Roberes).
Aeroporto de Alvedro (Xoán Roberes).

O ano comeza con forza no aeroporto de Alvedro. Após de bater en 2019 o seu récord histórico de viaxeiras, a terminal coruñesa apuntouse un crecemento de 15% no volume de pasaxeiras transportados no mes de xaneiro, cun total de 104.792 persoas. É, ademais o que crece con máis forza dos 25 principais aeroportos da rede xestionada por Aena, segundo os datos do xestor publicados esta cuarta feira. No extremo contrario sitúase a terminal de Peinador. O aeroporto vigués moveu no primeiro mes do ano 64.055 pasaxeiras, 10,9% menos que no mesmo período do ano anterior. Lavacolla, pola súa banda, á penas experimentou variacións. Con 179.454 viaxeiras transportadas, o seu crecemento situouse en 0,4%. 

No que atinxe ao número de operacións, Lavacolla e Alvedro sitúanse en cifras moi parellas. Na terminal compostelá, o movemento de aeronaves reduciuse 3,6% no mes de xaneiro, até as 1.424 operacións. Na Coruña, o aeroporto contabilizou 1.326 operacións no primeiro mes do ano, o que supón un crecemento de 8,2% respecto aos datos de 2019. Vigo, con 795 movementos, caeu 5%.

Desvíos pola néboa

O vindeiro mes, os datos poden verse alterados pola climatoloxía. Esta mañá foron desviados tres voos ao aeroporto compostelán de Lavacolla que tiñan que ter aterrado na terminal coruñesa de Alvedro.

Segundo confirmaron fontes do xestor aeroportuario Aena, a baixa visibilidade que se rexistraba no entorno do aeroporto da Coruña por causa da néboa motivou que se desviaran á capital galega tres aeronaves. Os voos afectados foron un de Iberia que cubría a ruta entre Madrid e a cidade galega, outro da compañía Air Nostrum que facía esa mesma ruta e un de Vueling que chegaba a Alvedro desde Barcelona. O tres aterraron na terminal compostelá e as pasaxeiras transportadas por estrada aos seus destinos.

comentarios