domingo 05.07.2020

Os aeroportos galegos transportaron 5,27 millóns de pasaxeiras en 2019

Os aeroportos galegos volveron superar a cifra de 5 millóns de viaxeiros grazas os novos récords históricos de Lavacolla e Alvedro e a pesar da caída de Peinador. 
Aeroporto de Alvedro (Xoán Roberes).
Aeroporto de Alvedro (Xoán Roberes).

Máis de cinco millóns de persoas pasaron en 2019 polos aeroportos galegos. En concreto, o número de viaxeiras transportadas desde as tres terminais do país ascendeu a 5.268.457 persoas. Lavacolla, cun incremento de 6,5% foi con diferenza o que máis tráfico rexistrou. Pola súa terminal pasaron no exercicio 2.903.427 pasaxeiras, superando o seu máximo histórico.

Con todo, a terminal que máis creceu foi a coruñesa de Alvedro, que tamén bateu en 2019 o seu récord histórico. Cun crecemento de 10,5%, o aeroporto fechou o ano con 1.352.583 viaxeiras transportadas, segundo os datos publicados onte polo xestor aeroportuario Aena.

A nota negativa púxoa o aeroporto de Vigo. A terminal de Peinador perdeu 10,4% do pasaxe que movía hai tan só un ano. Non sen dificultades, puido rematar o exercicio por enriba do millón de viaxeiras, concretamente 1.012.447.

Estatística de decembro

No que atinxe ás estatísticas do mes de decembro, a tónica é moi semellante. Lavacolla transportou 209.402 pasaxeiras, o que representa 4,5% máis que no mesmo período do ano anterior. Alvedro mantivo o seu crecemento a dobre díxito. En decembro pasaron pola terminal coruñesa 102.758 persoas, 12,6% más que en 2018, mentres que Peinador rexistrou 67.748 pasaxeiros no último mes do ano, cun descenso de 17,1% respecto ao exercicio anterior. 

comentarios