Altri instalarase na Galiza só se consigue axudas públicas por máis de 250 millóns

O proxecto estrela da Xunta da Galiza para os fondos Next Generation está no aire. Á falla de concreción na proposta e ás contradicións evidentes en diversos aspectos do mesmo, súmase agora o seu encaixe nas diversas liñas de financiamento público abertas a cargo dos programas europeos. Os directivos de Altri xa fixeron saber que sen 250 millóns de euros de axudas públicas, a factoría de fibras téxtiles non se instalará na Galiza.

Alberto Núñez Feixoo co conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo co conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina (Foto: Xunta da Galiza).

Os executivos da multinacional portuguesa Altri están falando con claridade cos seus diversos interlocutores na Galiza. A este respecto, xa fixeron chegar aos responsábeis do Goberno galego e aos representantes das empresas do sector forestal que a instalación da fábrica de viscosa na Galiza está suxeita a axudas públicas. Neste caso, entenden que as achegas estatais a cargo dos Next Generation deben situarse en 250 millóns de euros, isto é aproximadamente 30% do investimento de 800 millóns de euros previstos para a súa fábrica de Palas de Rei.

A reunión mantida a pasada semana nesta última localidade entre representantes da compañía portuguesa, do Goberno galego e do sector forestal foi clarificadora. Neste sentido, os directivos de Altri recoñeceron que, no caso de non contar con achegas públicas, o proxecto non seguirá adiante. A idea avanzada pola compañía non colleu por sorpresa as autoridades galegas pero si a patronal forestal, que pensaba que o proxecto estaba máis encarreirado. Porén, a formulación explicada pola multinacional portuguesa na xuntanza é coincidente coa enunciada semanas antes na Radio Galega polo conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina.

Once proxectos estratéxicos

A fábrica de viscosa ten difícil encaixe nas liñas de axuda pública previstas no programa  Next Generation. Actualmente están aprobados 11 proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica, os coñecidos como Perte, centrados en ámbitos como o vehículo eléctrico, a saúde, as enerxías renovábeis, agroalimentación, a economía da lingua, a industria naval ou aeroespacial, o ciclo da auga e a economía circular, aos que se sumarán en breve a economía social e os  semiconductores. Porén, non hai ningún Perte para o sector forestal ou téxtil, nin mesmo para a industria.

O proxecto de Altri non semella, tampouco, ter cabida no Perte da economía circular. Ás dificultades derivadas de que o programa de reciclaxe de roupa só está prevista nunha segunda fase da factoría, súmase a insuficiencia de fondos, posto que a contía total destinada a financiar as propostas de economía circular é de 492 millóns de euros, unha cifra insignificante para as pretensións de axuda pública do grupo.

O profesor da USC e especialista en programas comunitarios Diego Sande Veiga sinala a Nós Diario que a proposta de Altri “nos actuais Perte unicamente tería cabida no dedicado á economía circular. Mais o significado da economía circular transcende o obxecto deste proxecto, xa que esta consiste nun modelo de produción e consumo que implica compartir, alugar, reutilizar, reparar, renovar e reciclar materiais e produtos existentes todas as veces que sexa posíbel para crear un valor engadido”.

O baile de cifras relativas ao emprego

A Xunta da Galiza vén ofrecendo datos de emprego moi diferentes para a factoría de Altri. Coincidindo coa presentación da proposta en novembro de 2020, Alberto Núñez Feixoo falou dun “investimento de 950 millóns de euros, para producir 250.000 toneladas de fibra de celulosa e crear 1.000 empregos na fase de montaxe do complexo e arredor de 700 postos de traballo directos unha vez entrase en funcionamento”.

Nas últimas semanas, apuntou a 1.500 empregos directos e outros 1.000 indirectos, unha cifra que economistas como a profesora da USC María do Carme García Negro consideran “imposíbeis”, xa que “nun proxecto axustado de 200.000 toneladas empregará inicialmente moito menos de 200 persoas; até 2.500 debeuse de mover un cero”.

Comentarios