A alta temperatura da auga, sen vento norte e o continuo desove do mexillón alarman aos bateeiros

O sector explica que a cuncha ten "un bo crecemento" pero a vianda "non" e cren que hai algo que "lle afecta bruscamente"
Un home participa na extracción do mexillón. (Foto: Agostime)
photo_camera Un home participa na pesca do mexillón. (Foto: Agostime)

A alta temperatura da auga, a falta de ventos do norte e o continuo desove do mexillón alarman aos 'bateeiros' que lamentan unha alta mortaldade dun bivalvo ao que lle crece a cuncha pero a vianda non se desenvolve.

O mar non pasa polo seu mellor momento. A mortaldade de mariscos que se dá tanto dentro das rías como fora puxo en albas aos diferentes sectores marisqueiros da Galiza.

Agora, como xa pasou outros anos, tócalle ao mexillón. Parece que esta colleita xa empezou embazada por unha escasa recollida de mexilla, que se deu tarde e mesmo levou a atrasar o período de extracción.

Estes días a intranquilidade azouta doutra maneira e chega coa mortaldade e o pouco crecemento da xoia negra das rías. O presidente da asociación Opmega, Ricardo Herbón, puntualiza que este fenómeno "non é novo deste ano" pero que "se viu agravado" por un cúmulo de factores.

Así, sitúa nese "cóctel de circunstancias" a falta de ventos do norte que o que fan "é limpar a ría", a contaminación, a salinidade da auga e sobre todo "a falta de nutrientes".

"Este ano estamos case sen toxina, é certo que trae cousas malas porque é un peche periódico de diferentes polígonos pero, ao tempo, trae moita comida", explica Herbón.

 

Reunión coa Xunta

Co obxectivo de poder "atallar ou minimizar" este periplo, desde Opmega avanzaron que pedirán unha reunión cos responsables do Executivo galego e inciden en que "hai que porse a traballar" e establecer a un equipo de xente que investigue "cales son as consecuencias" deste fenómeno.

"Imos pedir unha reunión porque vemos que isto é moi importante, a parte doutros temas, e non se pode deixar escapar" esgrime o presidente de Opmega.

Así, o sector, ante as variacións vividas nos últimos anos nas colleitas, xa fala dun cambio de ciclo no proceso de reprodución do mexillón.

Isto débese a que nas datas das festividades da Carmen, 16 de xullo, o bivalvo alcanza o seu punto álxido e é aí cando os 'bateeiros' comezan a época do desdobre -dunha corda fan dúas-, pero agora os tempos "non coinciden".

"A mediados de xullo era cando o mexillón, que se atopa no interior da ría, tiña o seu apoxeo. Era cando se vendía para a industria pero agora vemos que este ano non serve para nada", lamenta Herbón.

 

A vianda non crece

Con todo, o desenvolvemento da cuncha do bivalvo "é bastante bo" pero o problema é que dentro "non hai nada". Aí é cando saltan as alarmas no sector e advirten de que "algo pasa".

Isto súmase á "alta mortaldade" que vive a colleita. Así o presidente de Opmega explica que as bateas situadas na zona da Bensa, por exemplo, que é unha illa situada á entrada da ría de Arousa e o crecemento acostuma ser bo, este ano o mexillón morre.

"Hai algo que lle afecta dunha maneira demasiado brusca" puntualiza Herbón e cre que pode influír a alta temperatura da auga que o mexillón "non pode soportar", a falta de nutrientes e a baixa salinidade xa que non ten esa cor laranxa e está salgado. 

 

 

"Non se observa nada anómalo"

Pola súa banda, o departamento autonómico encargado de Mar, detalla que "realizan un seguimento constante" da situación do marisqueo e da acuicultura nas rías galegas.

Así, o persoal encargado de recoller as mostras "non observa nada anómalo ou excepcional" diferente aos episodios deste tipo que se rexistran "todos os anos".

No ciclo de vida dos moluscos, informa Mar, "poden influír varios factores" entre os que se atopan os ambientais, como a temperatura da auga.

Un traballo "que xa fan" dentro dos programas de monitorización do Instituto Tecnolóxico para ou Control do Medio Mariño (Intecmar), pero, puntualizan que "non se debe" facer hipótese sen unha análise continuada no tempo.

Para Mar o desprendemento do mexillón das cordas é "un fenómeno habitual" que ten unha incidencia variable duns anos para outros.

Esas variacións dependen do agarre que teña o mexillón do que inflúen cuestións como a acumulación da fazula ao redor do mexillón adulto, unha cuestión que "provoca a caída das cordas"; a caída do fitoplancton; a temporada de desova e tamén factores ambientais.

 

Comentarios