Mar

Preocupación na ría da Arousa ante a caída continuada na produción de bivalvos

A cadea mar-industria representa 8.500 empregos que dependen da ría.
Mariscadores a flote traballando en Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mariscadores a flote traballando en Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa. (Foto: Nós Diario)

A produción de bivalvos na ría de Arousa caeu de "maneira preocupante" nos últimos 20 anos. Así o reflicten os resultados dun estudo que compara a produción anual de bivalvos desde 2013 elaborado pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA). As porcentaxes de devalo da extracción de molusco difiren segundo as especies, mais o sector marisqueiro das augas da Arousa coincide en que están "nunha situación crítica", confirma a Nós Diario o presidente da PDRA, Xaquín Rubido. E é que a caída na produción marisqueira nos últimos 20 anos supón unha ameaza para unha comarca, como é O Barbanza, na que a cadea mar-industria representa nada menos que 70% da actividade económica e máis da metade dos postos de traballo fixos xerados.

Segundo se desprende do informe Ardán elaborado polo Consorcio Zona Franca de Vigo –que recolle datos de facturación e de emprego do exercicio 2019–, o complexo formado pola extracción de produtos do mar, a acuicultura, o procesado, a fabricación de compoñentes navais, o mantemento e a comercialización representa no Barbanza 2.000 millóns de euros e xera 5.613 postos de traballo fixos.

Ao sur da ría a situación non difire. A facturación do complexo mar-industria na comarca do Salnés, segundo o informe Ardán, é de 600 millóns de euros (31,2% do volume de negocios total), e a cadea xera 2.897 empregos directos. Isto é, 26,6% do total. Máis de un de cada catro postos de traballo do Salnés dependen directamente do mar.

O presidente da PDRA alerta a Nós Diario de que, economicamente, a perda de produtividade na ría de Arousa tamén "repercute nos ingresos familiares". Tomando como referencia as medias euro/ano dos pasados vinte anos –e sen ter en conta a diminución do valor do euro derivada da inflación– as perdas cuantificadas son duns 10 millóns de euros en 2022. Destes, afirma Rubido, 4,5 millóns corresponderían a perdas na produción de ameixa babosa, 3,4 millóns na ameixa fina e 1,1 millóns na ameixa rubia.

"A ría está a sufrir un deterioro progresivo que se reflicte na perda de permex [permisos de explotación] e que se ve nas rochas do interior da ría sen arneirón e sen mexilla", advirte Rubido.

O papel da Consellaría

Así as cousas, desde a plataforma, as confrarías e as agrupacións de produtores de mexillón entenden que é urxente que a Xunta da Galiza, a través da Consellaría de Mar, deixe de "mirar para outro lado ou desvíe o foco do problema dando explicacións non axustadas á realidade e non sustentadas con datos científicos", di Rubido.

"Non pode mirar para outro lado porque é quen ten todas as competencias na materia", sentencia. Asegura, ademais, que é necesario "en primeiro lugar, recoñecer o problema e tomar medidas". Por iso, o sector pide á Consellaría un estudo científico, rigoroso e multidisciplinar que aclare as causas do deterioro progresivo da ría e, coa mesma urxencia, un plan de rexeneración dos bancos marisqueiros "serio e dotado economicamente" para garantir o decorrer da próxima campaña marisqueira. Máis de 8.500 postos de traballo están en xogo, din, se a Xunta non atalla de contado o problema.


Até 68% menos de capturas de moluscos na Arousa

O complexo mar-industria e, de maneira especial, o sector marisqueiro, leva anos observando "con fonda preocupación" o devalo produtivo da ría de Arousa. O estudo que vén de facer público a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) para o período 2002-2022, e ao que tivo acceso Nós Diario, rexistrou unha media de produción de ameixa babosa de 556 t/ano.

Na actualidade, a produción de babosa da ría atópase nun 68,4% por baixo da media. No caso da ameixa rubia, a produción actual sitúase un 67,8% por baixo da media (292 t/ano). Para a fina os datos sinalan unha produción media de 329 t/ano, e unha produción en 2022 58,3% inferior a esa cifra. En canto ao berberecho, cunha produción media de 716 t/ano e cunha caída de 22,7%, pasou de ser un recurso fundamental a ter unha presenza mínima na ría.

Comentarios