Alcoa só arrancará 6,2% das cubas da planta de San Cibrao en 2024

A empresa atrasa o plan de investimentos de 2023.
Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo, na comarca da Mariña (Foto: Joe McUbed).
photo_camera Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) (Foto: Joe McUbed).

A factoría de aluminio e alumina de Alcoa en San Cibrao (Cervo) non recuperará a súa normalidade en 2024. Malia que a dirección da empresa se comprometera coa representación sindical no ano 2021 a retomar plenamente a actividade en 2024, a multinacional defende agora manter paralizada 93,8% das cubas de electrólise da planta de aluminio para o vindeiro exercicio.

Os problemas continúan para os operarios da factoría de Alcoa en San Cibrao. Se a pasada terza feira se coñecía a intención da multinacional estadounidense de non garantir máis o emprego para o persoal do departamento da alumina para alén de 2023, esta quinta feira coñeceuse a decisión da dirección de Alcoa de só arrancar 6,2% das cubas de electrólise da planta de aluminio para 2024.

A última proposta presentada polos negociadores da empresa á representación sindical no marco das conversas mantidas durante as últimas semanas defende pór en marcha dúas cubas da fundición para 1 de xaneiro de 2024 até sumar 32 a 1 de abril dese ano.

Asemade, atrasa até 1 de abril de 2025 o arranque do groso das cubas, deixando para 31 de outubro desa anualidade a entrada en funcionamento de 512 cubas coas que conta a planta. Porén, non descarta manter só en funcionamento 75% das mesmas até 31 de decembro de 2026.

Alcoa xustifica este novo cambio de plans por problemas derivados da crise de prezos e do subministro de electricidade coas empresas coas que tiña asinado as PPA (Power Purchase Agreement), contratos de compra de enerxía a longo prazo, cun prezo por baixo do estipulado no mercado grosista. Porén, os sindicatos denuncian o incumprimento do plan de investimentos asinado pola compañía en 2023.

Plan de investimentos

O forno de cocción, considerado como estratéxico para a continuidade da actividade de Alcoa na Mariña, é o investimento que máis atrasos acumula. Neste sentido, a empresa trasladou á representación sindical que a súa entrada en funcionamento non se producirá antes de decembro de 2025.

A maiores, o novo proxecto do mesmo non contempla a torre de pasta, lavadoras e camións, tal como se recollía na proposta inicial presentada pola dirección da multinacional.

A preocupación é evidente entre o cadro de persoal da factoría de San Cibrao polos cambios da postura da compañía, que a cuarta feira recoñeceu unhas perdas a nivel mundial de 102 millóns de dólares no exercicio de 2022. 

Comentarios