Alcoa non dá garantías ao persoal de alumina máis alá do ano 2023

A CIG demanda garantir o emprego na fábrica.
Concentración do persoal de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Concentración do persoal de Alcoa en San Cibrao (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O futuro do persoal da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) segue sen aclararse. A nova rolda de conversas entre a representación sindical e a dirección da multinacional serviu para evidenciar a negativa desta a ofrecer garantías aos empregados da planta de alumina máis alá de 2023.

Ao tempo, a compañía estadounidense mantense decidida a adiar o arranque das cubas de electrólise do departamento de aluminio respecto do prazo previamente fixado. 

O complexo alumineiro de San Cibrao está conformado por dous centros de traballo. Un deles, dedicado a produción de aluminio é propiedade na súa totalidade da Alcoa. Outro, dedicado ao refinado de alumina, ten como accionista maioritario á multinacional estadounidense e está participado por un grupo australiano.

Precisamente, a estabilidade laboral de 510 traballadores que conforman este departamento é un dos principais motivos de diferenza entre a representación social e a empresa.

Alcoa négase a garantir o emprego dos operarios da factoría de alumina após 2023. Segundo puido saber Nós Diario de fontes coñecedoras da negociación, a multinacional estadounidense comprométese a non executar ningún ERE ou ERTE na planta de aluminio até 2026 pero non está disposta a ofrecer o mesmo acordo ao persoal do departamento de alumina. Así, está cuestión está tensando o debate entre as partes desde que se retomaron as negociacións no último trimestre de 2022. 

A CIG non está disposta a ceder neste punto. Así, nunha circular interna remitida pola sección sindical desta organización aos seus afiliados e simpatizantes na fábrica de San Cibrao á que tivo acceso Nós Diario, sinala que “a proposta de Alcoa exclúe das garantías de non ERE e non ERTE a planta de alumina”.

Nesta dirección, apunta que as “garantías son irrenunciábeis” e asevera que “é unha imprudencia aceptar” a proposta da compañía “cando a empresa manifesta unha e outra vez que non acepta restrinxir a flexibilidade de alumina á hora de realizar un ERE ou un ERTE durante este proceso”.

O sindicato nacionalista considera que “é imprescindíbel conseguir garantir as mesmas garantías laborais para todos os traballadores da planta de alumina que para os de aluminio”. Neste liña, entende que “renunciar as garantías laborais para alumina é pórlle un prezo ao feche da planta de alumina”. 

Comentarios