A Xunta autorizará, "se for viábel técnica e ambientalmente", a balsa de lodos de Alcoa que o ecoloxismo urxe fechar

"Todo o posíbel para garantir o futuro de San Cibrao, pero iso non quere dicir unha aprobación automática do proxecto", sinalan desde o Goberno galego.
Vista aérea da balsa de lodos de Alcoa. (Imaxe: Google Maps)
photo_camera Vista aérea da balsa de lodos de Alcoa. (Imaxe: Google Maps)

A Xunta está á espera dun informe técnico sobre o proxecto presentado por Alcoa para ampliar até 2027 a balsa de lodos vermellos da planta de San Cibrao, en Cervo, segundo avanzou esta cuarta feira o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, quen afirmou que se autorizará se é a proposta é viábel "técnica e ambientalmente".

Así o expuxo na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento galego e a preguntas da deputada socialista Patricia Otero, que reclamou á Administración galega que este procedemento "non se abandonde nun caixón".

Na súa intervención, admitiu que se trata dun "tema delicado" e incidiu en que non piden que se autorice "automaticamente". "Pero que non se esqueza este procedemento, fundamental para a factoría", dixo, en referencia aos postos de traballo.

Pola súa parte, o director xeral de Planificación Enerxética explicou que desde San Caetano agardan que o informe técnico do que está pendente a Xunta estea listo "nunhas semanas", e engadiu que o mesmo é necesario para determinar "se o proxecto cumpre as obrigas precisas".

"A balsa de lodos non é un factor limitante se Alcoa cumpre coas súas obrigas", precisou. Aliás, sinalou que a Xunta está a facer "todo o posíbel para garantir o futuro de San Cibrao, pero iso non quere dicir unha aprobación automática do proxecto".

"Só se hai viabilidade técnica e ambiental autorizarase", insistiu. Na súa intervención, lamentou, por outra parte, que o Goberno estatal non estea "a pór todo da súa parte ao non pór un marco enerxético estábel". "As medidas son insuficientes", sinalou a este respecto.

Perigo de colapso

Diferentes colectivos ecoloxistas como Adega reclamaron nos últimos meses o fechamento destas instalacións consideradas "de alto risco". En declaracións a Nós Diario, o secretario técnico desta asociación, Fins Eirexas, apuntaba recentemente: "Ampliar o volume da balsa incrementa o risco de colapso. Abonda xa! Non ten sentido prolongar máis esa ameaza. Hai que fechala xa".

Comentarios