Garzón renuncia a fichar por Acento para "non danar" a esquerda, mais lamenta: "A política é unha trituradora de persoas"

A esquerda na que cre o ex líder de IU é "menos prexuizosa e inquisitorial", "máis heterodoxa e humana" e, sobre todo, cunha concepción do Estado e a política onde o importante "non é o lucimento persoal en termos de pureza da esquerda, senón ter máis influencia en todos os espazos posíbeis".
Alberto Garzón despedíndose dos seus compañeiros e compañeiras da dirección de IU, o pasado decembro. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Alberto Garzón despedíndose dos seus compañeiros e compañeiras da dirección de IU, o pasado decembro. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O ex ministro de Consumo e ex líder de Izquierda Unida, Alberto Garzón, anunciou esta cuarta feira que renunciará finalmente a incorporarse á consultora Acento, que dirixe o ex dirixente socialista José Blanco, ante a "incomprensión" que xerou a súa inminente fichaxe dentro do seu espazo político. Así o trasladou nunha carta difundida na rede social X na que detallou que toma esa decisión para non danar as organizacións políticas ás que "tanto tempo e enerxía" dedicou.

"Non quero que a miña decisión persoal prexudique os meus antigos compañeiros de militancia, na súa necesaria misión de lograr o mellor resultado posíbel nas futuras convocatorias electorais. Sempre antepuxen o interese colectivo sobre o interese persoal e considero que debe seguir sendo así", incide nesa misiva. Desta forma, Garzón declina asumir a Dirección de Prospectiva Xeopolítica da consultora, para o que estaba só pendente dun informe favorábel da Oficina de Conflito de Intereses do Goberno.

Unha esquerda "menos prexuizosa e máis humana"

O ex ministro recoñece no seu escrito que a súa decisión de incorporarse á citada consultora espertou un "enorme balbordo" no "ecosistema da esquerda", citando tamén as organizacións das que participou activamente, como IU, Unidas Podemos e Sumar. "A impresión xeral, segundo me confirmaron dirixentes políticos, era que se trataba dunha decisión que afectaría negativamente as organizacións do espazo político", admite. Con todo, deslizou que a esquerda ten que "reflexionar" sobre como trata os cadros que dedicaron a súa "enerxía e vida", como é o seu caso, aos proxectos colectivos.

"Díxeno ao abandonar a primeira liña política e pénsoo, máis se cabe un día como hoxe: se algo aprendín é que a política é unha trituradora de persoas. A esquerda na que eu creo non debería reproducir estas prácticas que expulsan a máis xente da que integran", salientou. De feito, proclamou que a esquerda na que cre é "menos prexuizosa e inquisitorial", "máis heterodoxa e humana" e, sobre todo, cunha concepción do Estado e a política onde o importante "non é o lucimento persoal en termos de pureza da esquerda, senón ter máis influencia en todos os espazos posíbeis". Por tanto, segue defendendo que ocupar espazos de análises e reflexión é "máis importante que autorrevindicarse".

"Perséguenme as dinámicas tóxicas"

Tamén asume que na devandita carta é fácil "ler entre liñas un punto de frustración" e que "doe" tras anos "deixando a saúde" por un proxecto colectivo comprobar que as "dinámicas tóxicas" que nunca compartiu aínda o "perseguen" mesmo cando está xa "fóra da política formal". "Pero este é o espado político e emocional no que se atopa a esquerda. Sinto en min que contribuín dalgunha ou outra maneira para alimentar ese malestar colectivo. Desde os meus inicios, as miñas decisións e as miñas accións foron sempre en dirección de protexer ao espazo e o proxecto colectivo. Así seguirá sendo e é por iso a miña renuncia", resolveu.

Logo sinala que, tras 12 anos de "bos momentos", pero tamén de "estrés" e "ansiedade", na faceta política xa anunciou que se dedicará á escritura de libros, publicación de artigos, celebración de conferencias, a presentación da súa tese e dar clases na universidade. Neses plans figuraba tamén o xa frustrado labor en Acento, para o cal tiña coñecementos "suficientes".

"Varias consultoras fixéronme chegar ofertas e a de Acento encaixaba moi ben [...] Podería asesorar a entidades da sociedade civil en materias como ecoloxía, economía, os retos de futuro e análise políticos e lexislativos", defendeu, para agradecer o trato recibido polo equipo directivo de Acento. Finalmente, Garzón conclúe que seguirá cos outros plans profesionais que tiña e reorganizará a súa vida pensando na familia.

Comentarios